A tramitación do plan de reurbanización da Baiuca continúa o seu avance tras rematar a exposición sen alegacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Estrada
A-
A+

O alcalde da Estrada, José López Campos, informa que o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións para a modificación da ordenación do Sistema Xeral D-1, tamén coñecido como plan de reurbanización da área da Baiuca, segue a superar trámites “sen dilacións no proceso” tras finalizar o período de exposición pública sen recibir alegacións en contra. José López salienta que, coa operación de peche do estadio da Baiuca e a construción do novo estadio de fútbol na zona deportivo-cultural, este plan permite “reordear urbanisticamente unha zona de preto de 20.000 metros cadrados de superficie, practicamente situada no centro do pobo e que deixa a disposición do concello tres parcelas de uso público cunha superficie total de 17.438,44 metros cadrados”.

Así, a reurbanización da zona consistirá na apertura dunha rúa central que unirá a estrada N-640 coa Avenida da Torre e na creación, a unha marxe desta rúa, de dúas parcelas pequenas (unha de 2.548 metros cadrados de uso docente e unha de 2.848,44 metros cadrados de uso institucional administrativo) e dunha parcela máis grande á outra marxe desta rúa (cunha superficie de 12.042 metros cadrados e tamén de uso institucional administrativo). En canto á rúa central, incluirá dobre carril (un en cada sentido da circulación), área de estacionamento a ambas marxes (dunha parte, unha vintena de prazas en liña; e doutra parte, máis de 40 prazas en batería) e beirarrúas.

José López avanza que, unha vez superado o trámite da exposición pública, o documento será remitido á Xunta de Galicia para que proceda á súa aprobación provisional e, posteriormente, será o concello quen deberá efectuar a aprobación definitiva. “Este proceso pode durar entre dous e tres meses, pero para acurtar os prazos, xa dispoñemos do proxecto de urbanización, que foi enviado ao Ministerio de Fomento e que suporá un investimento de 450.000 euros”, explica o alcalde. “A nosa intención é axilizar o máximo posible todos os trámites, porque temos os cartos para acometer a urbanización e temos o compromiso de ubicar nesta zona da Baiuca a nova gardería municipal, así que tentaremos darlle a máxima axilidade a ambas actuacións no arranque deste novo ano”, engade.

Por último, José López incidíu no feito de que “todo este desenvolvemento é outra das posibilidades que abríu a aprobación do PXOM, que ao longo deste ano 2015 será un factor importante de dinamización, mediante o desenvolvemento urbanístico tanto de áreas públicas como privadas”. Ademais, lembrou que “unha vez máis volven quedar en evidencia todos aqueles que no seu momento, de forma malintencionada e mentindo a sabendas, tentaron difamar a actuación do goberno local nesta operación da Baiuca dicindo que se quitaba o campo de fútbol para poder construir vivendas no seu sitio”.

10 de xaneiro de 2015 | 16:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.