A terceira escola infantil da rede A Galiña Azul en Mos contará cun orzamento de 600.000 euros

Reunión da alcaldesa de Mos con Beatriz Mato. Foto: C. Paz
O concello de Mos (Pontevedra) contará cunha nova escola escola infantil pública que terá 6 unidades e 82 prazas e será o terceiro centro da rede A Galiña Azul da localidade.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, mantivo hoxe en Santiago unha xuntanza coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo. O centro infantil de 0-3 anos emprazarase nunha parcela municipal no polígono industrial da Veigadaña da localidade.
O Concello de Mos dispón xa de 82 prazas distribuídas en dúas escolas: a de Porteliña, que oferta 41 prazas, e a de Coto Torrón, con outras 41 prazas, polo que esta nova escola suporá duplicar a oferta de prazas públicas de escolas infantís na localidade.
De acordo co proxecto redactado polo concello, a escola contará cun orzamento de máis de 600.000 euros e estará financiada ao 60% pola Xunta de Galicia e o 40% restante o aportará o concello pontevedrés, que iniciará de inmediato os trámites para poñer a disposición do Goberno os terreos e licitar e adiantar as obras para que poida entrar en marcha a escola no exercicio 2016/2017.
Mato destacou que a aposta da Xunta de Galicia pola creación de prazas en escolas 0-3 é “clara” e, neste senso, explicou que a Administración autonómica vén traballando nestes últimos anos no obxectivo de achegar ás familias galegas a conciliación da vida persoal e familiar proporcionando, ao mesmo tempo, aos usuarios desas escolas un entorno de calidade nos seus primeiros anos de vida.
Deste xeito, na pasada lexislatura, a Xunta puxo en marcha 3.000 prazas públicas na Rede autonómica de escolas infantís, que conta actualmente con 8.750 prazas. Na provincia de Pontevedra, a oferta actual é de 3.309 prazas, o que supón un incremento do 65,5% con respecto a abril de 2009.
Hoxe mesmo, a conselleira anunciou en rolda de prensa que a Xunta porá a disposición das familias galegas 500 novas prazas públicas de 0-3 anos no próximo curso escolar 2015-2016, que estarán financiadas con fondos da Administración autonómica a través do sistema de concerto. Para levar a cabo esta medida, o Goberno galego convocará por primeira vez un concurso público para concertar as 500 prazas, que se sumarán ás novas que están en construción nestes momentos.











