A sorte non se aliou cos xogadores de Manolo Vázquez
Ano novo mesma vida, coa intención de cambiar a dinámica de resultados plantábase o equipo de Manolo Vázquez na primeira xornada da segunda volta, logo dunha primeira volta para esquecer no que a resultados se refire. O técnico lucense buscaba que os seus xogadores continuasen o gran traballo realizado ante ElPozo Murcia no seu primeiro partido como técnico do Prone e buscar así os primeiros puntos da tempada, ante un Marfil Santa Coloma que na primeira volta non mostrou o nivel de anos anteriores. A sorte non se aliou cos xogadores de Manolo Vázquez, que dispuxeron de numerosas ocasións para lograr o gol na primeira metade, na que chegaron a estrelar tres balóns na madeira da portería defendida por Didac; con todo sería Eric quen nunha boa acción poñería por diante aos visitantes. Seguírono intentando os locais pero o balón non quería entrar, unhas veces o repelía o pau e outras un seguro Didac impedíano. No minuto 14 Dani Salgado anotaba o que sería o seu primeiro gol da tarde. A falta de dous minutos para o final o Prone tería unha dobre ocasión nos pés do seu capitán Antonio Diz, pero non lograba bater a Didac, e co 0-2 íanse os xogadores aos vestiarios coa sensación de que o Prone merecera o gol.
Gol que chegaría no minuto 23 de partido, logo de finalizar Javi Río unha boa xogada por parte dos locais, pouco duraría a alegría aos locais, pois segundos máis tarde Dani Salgado poñía o 1-3 ao finalizar no segundo pau unha xogada de ataque visitante, puido facer Alex Diz no minuto seguinte o segundo gol do Prone, pero Didac moi atento desbaratou a opción, quen si acertou a marcar foi Eric para poñer o 1-4 dous minutos despois do gol de Javi Río e poñer o partido moi complicado para o Prone. O partido romperíase definitivamente entre os minutos 32 e 34, con tres goles do Marfil, un cada minuto, primeiro no 32 Dani Salgado batía a Illi desde os 10 metros, no 33 Rafa López finalizaba unha boa xogada persoal e no 34 Dani Salgado anotaba o seu cuarto gol da tarde, cando os lucenses xogaban con porteiro xogador. No minuto 35 Antonio Diz estrelaba un novo balón no pau de Didac, un minuto máis tarde sería o pequeno dos Diz quen mandaba o balón alto cando se cantaba o gol no Municipal, pero sería Albert quen poñería o 1-8 no marcador no minuto 36. No minuto 40 Antonio Diz si lograba bater a Didac no segundo pau, pero aos poucos segundo Eric facía o seu terceiro gol para poñer o 2-9, a goleada redondearíaa Sepe cando quedaban 4 segundos para o final, un excesivo castigo para un Prone que competiu ben 25 minutos de partido e que non tivo sorte na finalización.











