A Sociedade Ximnástica rematou en oitavo lugar na Copa do Rei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesPontevedra
A-
A+
Sociedade Ximnástica na Copa do Rei

Sociedade Ximnástica na Copa do Rei

A pelexa estivo moi igualada ata o final, era de esperar estar no furgón de cola da Copa do Rei, pero os rapaces da Ximnástica non llelo puxeron nada doado aos seus rivais.

Empezaron a competición moi ben cun fantástico Alberto Salcedo que gañou a primeira carreira da tarde, os 200 metros con 21.37; pero pola contra Mario García non puido escapar da última posición no triplo salto; unha posición pola que estiveron a roldar os representantes pontevedreses.

David Ferrer foi sexto no salto de lonxitude; mesmo posto conseguiu David Martínez nos 3.000 metros. Eduardo Gallardo foi sétimo nos 400 metros, un minguado Víctor Gallego por unha lesión rematou tamén sétimo no lanzamento de peso, o mesmo que Sergio García nos 1.500 metros e Manuel Molinos no salto de altura. Mario García rematou o último no triplo salto, ao igual que Darío Costas nos 60 metros, con marca persoal de 7.03.

Un raio de esperanza foi a segunda vitoria parcial para a Ximnástica a cargo de Julián Ortiz nos 60 metros valos con 7.93; tamén conseguiron postos relevantes Alberto Guerrero nos 800 metros cun cuarto lugar e o quinto posto de Santi Ferrer no salto con pértega.
Ao final chegouse á última proba, o relevo 4 x 200, con 41 puntos, os mesmos que o Fent Cami e con 43 o Tenerife e 48 a Real Sociedade; rivais contra os que correu a veterana Sociedade na primeira serie do relevo e aos que non puideron bater Gallardo, Costas, Guerreiro e Salcedo.

Esta vez o FC Barcelona foi moi superior ao Playas Castelló, impoñéndose claramente con 91 puntos, sobre os 69 dos castellonencos; a sorpresa correu a cargo do Simply-Scorpio de Zaragoza, terceiro clasificado con 61 puntos, os mesmos que o Marathon de Madrid, resolvendo o empate a vitoria parcial conseguida polos aragoneses nos 3.000 metros lisos, fronte a ningunha dos madrileños. Quinto posto do equipo local, a Real Sociedade con 53 puntos, sexto o Tenerife con 47, sétimo o Fent Cami con 43 e oitavo a Ximnástica con 42 puntos.
Aínda que é a peor actuación da Ximnástica na Copa do Rei, sempre é moi positivo estar de novo entre os 8 mellores Clubs de España.

31 de xaneiro de 2015 | 21:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.