A Sociedade Ximnástica estará na Copa do Rei de atletismo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaPontevedra
A-
A+

A elite nacional, o mellor da alta sociedade atlética darase cita o próximo 31 de xaneiro en San Sebastián para a disputa da Copa do Rei e a Raíña de pista cuberta, competición entre Clubs na que se xuntan os oito mellores equipos de España.

Unha vez máis e xa van catro anos, o equipo masculino da Sociedade Ximnástica clasificouse entre eses oito mellores, para a primeira gran cita importante do ano.

Os catro primeiros da División de Honra 2014, obtiveron automaticamente a súa clasificación, os catro restantes tiveron que esperar o estadillo de marcas para dilucidar os que estaban na Copa.

A priori había que superar a barreira dos 11.700 puntos e con 11.864 a Ximnástica estaba moi xusta. Foi o último día do ano 2014, cando a RFEA deu a coñecer a puntuación de todos os equipos, a veterana Sociedade estaba o sétimo dos oito clasificados para a Copa; polo que ao éxito da San Silvestre Pontevedresa se xunta volver acudir á Copa do Rei, dobre alegría para a entidade pontevedresa que preside Ramón Touza, no final de ano.

A nota triste é a celebración o mesmo día do Campionato de Galicia Absoluto de pista cuberta, os órganos de goberno da Federación Galega non souberon facer o esforzo necesario para que esta coincidencia non se producise.

Difícil elección van ter os atletas pontevedreses entre a Copa do Rei e o Campionato Galego, Alfonso Pérez, Darío Costas, Santi Ferrer Alonso ou Víctor Gallego; entre outros; son os máis afectados por unha coincidencia no calendario, que xa tivo lugar en 2013 e que motivo a non participación na Copa do Rei de Víctor Gallego, naquela ocasión.

3 de xaneiro de 2015 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.