A Sociedade Ximnástica debutará en Vigo na súa novena tempada en División de Honra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesPontevedraVigo
A-
A+

Haberá que esperar algúns días máis ata que a Federación nacional oficialice a composición e sede de todos os encontros, pero polo visto na reunión da Comisión de Clubs, do pasado fin de semana, a Sociedade Ximnástica terá uns duros rivais na primeira xornada da División de Honra 2015.

A grata noticia é que a Ximnástica competirá practicamente na casa, xa que a sede do encontro será o Estadio Balaídos de Vigo.
Foi en 2012, a última vez que se actuou en Galicia, nas instalacións de Monterrei, en Pereiro de Aguiar e en 2009 a última vez que se visitou Vigo, en División de Honra.

Pola contra os rivais serán moi complicados, o Celta de Vigo en teoría, será o máis alcanzable, pero pola contra, o Maratón de Madrid e a Real Sociedade de San Sebastián, terceiro e cuarto clasificados na División de Honra de 2014, serán moi difíciles de bater.

A pesar de convivir estes 8 anos coa Real Sociedade en División de Honra, a Sociedade Ximnástica enfrontouse soamente dúas veces contra o equipo de San Sebastián, foi no ano 2011, cando o combinado pontevedrés quedou o cuarto clasificado da liga, e en 2012; en ambas as dúas ocasións os pontevedreses impuxéronse aos guipuscoanos; pero a Real Sociedade mellorou bastante nos seguintes dous anos, tendo a priori un equipo con maior potencial que a Ximnástica.

A Asociación Deportiva Marathon, é un dos equipos cos que máis veces se cruzou o equipo lerezano, con 7 enfrontamentos; o balance é bastante negativo, con 1 vitoria soamente a favor da veterana Sociedade, na tempada 2011 e por unha estreita marxe.

O Celta de Vigo, como se mencionou é o rival máis alcanzable, tras cinco tempadas de ausencia, volve á División de Honra. Na máxima categoría coincidiron tres veces coa Ximnástica cun 2-1 favorable aos rapaces de Pontevedra. Pero non hai que esquecer que xogan na casa e poden resultar moi perigosos. Será o sábado 9 de maio, pola tarde, o inicio da División de Honra 2015.

As novas incorporacións da Ximnástica tiveron resultados prometedores

A Sociedade Ximnástica compuxo un equipo que promete continuar na máxima categoría de División de Honra; algunhas das novas incorporacións xa están a competir con resultados que invitan ao optimismo de cara ao comezo da liga.

En primeiro lugar Enriq Obiol, será un dos puntais no salto con pértega; hai uns días desprazouse á localidade francesa de Aubier, para participar nun Festival de salto con pértega; con máis dun centenar de participantes desta especialidade; no primeiro grupo do concurso, Enric superou os 4,51 metros na súa primeira competición da tempada.

Mario Alvarez, empeza a sumar boas sensacións na proba de salto de lonxitude, nun Control de Marcas en Vitoria, Mario chegou aos 6 metros e 88 centímetros, unha marca que lle achega á sempre respectable barreira dos 7 metros.

Por último Manuel Castellanos, ten previsto competir en Valladolid o próximo fin de semana, polo momento xa lanzou a xavelina ata os 53,96 metros na súa primeira proba da tempada que foi pouco antes do nadal, celebrada na localidade de Manzanares, en Ciudad Real.

19 de xaneiro de 2015 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.