A secretaria xeral de Política Social inicia na Coruña unha rolda de visitas aos centros residenciais públicos
A secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, iniciou hoxe unha rolda de visitas aos centros residenciais públicos de Galicia co obxectivo de analizar de cerca as necesidades e as inquietudes vencelladas aos mesmos, tanto no plano material, como persoal, ou de recursos humanos.
Nesta ocasión, Piñeiro mantivo un contacto co director da residencia Torrente Ballester da Coruña, cos traballadores e cos propios usuarios a fin de pulsar a realidade do centro cunha perspectiva global que permita posteriores actuacións, se fose necesario.
A secretaria xeral aproveitou a súa visita á Coruña para achegarse ata o centro residencial da Fundación Adcor, tamén na Coruña, un centro que nos últimos tempos foi incrementando as achegas de financiamento público, así como se foi adecuando á demanda dos usuarios ao pasar dunha atención diúrna a unha atención residencial, o que segundo explicou Piñeiro “permitiu un maior grao de satisfacción das persoas que demandan un servizo público”.
Respecto ao incremento de financiamento, fronte a decembro de 2013, no que a entidade recibía un financiamento de 630.000 euros, neste exercicio 2015 recibirá 805.000, é dicir, preto de 175.000 euros máis. As prazas contratadas a Adcor, un total de 90, son destinadas a persoas con discapacidade intelectual.











