A Sala de Exposicións de Verín acolle ‘Rodeira Monocolor’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

Dende mañá venres e ata o día 30 de xaneiro, a Sala de Exposicións de Verín acolle a mostra ‘Rodeira Monocolor’, realizada por José Luis Diz, socio fundador da Asociación Fotográfica “O Potiños”.

Rodeira en branco e negro, ou monocolor, é unha apreciación persoal do fotógrafo que a retratou xa que a praia de Rodeira, en Cangas do Morrazo, en realidade ten cor. “As cores de identidade de Rodeira son basicamente azul e amarelo: azul, polo mar que ten diante e parcialmente cóbrea todos os días, e amarelo, das finas areas que bisbisean ao paso das ondas que morren na súa marxe. A alteridade pona a xente que alí se concentran día a día durante o verán, cos seus tecidos multicolores, antucas publicitarias, etc. e ten que ser de novo o final da tempada de baños a que lle restitúa a Rodeira o seu colorido orixinal”, destaca o fotógrafo.

Esta mostra, presentada pola Asociación Fotográfica “O Potiños” para o Outono Fotográfico 2014, está conformada por unha vintena de fotografías (dezaseis en branco e negro, dúas en azul e dúas en amarelo) asentadas no ‘Street Photography’, que busca recuperar o vello oficio do fotógrafo de antano. A exposición, que xa estivo no municipio de Xinzo de Limia, poderá visitarse de luns a sábado en horarios comprendidos entre as 10 e ás 14 e das 17 ás 19.30 horas.

Asociación Fotográfica “O Potiños”

A Asociación Fotográfica “O Potiños” naceu no Carballiño no ano 1985. De Don Gabriel Alonso, fotógrafo profesional popularmente coñecido polo nome de “O Potiños”, tomou o nome a asociación. Dende a súa creación a asociación permaneceu activa, desenvolvendo diversas iniciativas, todas relacionadas coa fotografía. Maratóns fotográficos, concursos fotográficos, exposicións, cursos de fotografía, saídas en grupo a diversos lugares para tomar fotografías, participación en varias edicións do Outono Fotográfico, con exposicións colectivas como tamén con exposicións individuais dalgúns dos seus membros, entre outras. Ao longo de todos estes anos a asociación e os seus membros viñeron expoñendo as súas fotografías en moitos lugares (Ourense, O Carballiño, Lalín, Santiago de Compostela, Oleiros, Viveiro, ou Malpica).

Ao longo dese periplo de case trinta anos, a asociación foise adaptando aos diversos cambios tecnolóxicos que se produciron no mundo da fotografía. Da cámara analóxica á dixital, do revelado de fotos en branco e negro no cuarto escuro ao revelado no ordenador con programas informáticos. Pero sempre sen perder o fío esencial: a fotografía como arte. No caso de Verín, é a terceira mostra que expoñen nestes últimos meses, tras a de ‘Distintas Miradas’ e ‘Galicia e galegos’.

9 de xaneiro de 2015 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.