publicidade hoxe

A rebaixa do 50% no custo do solo industrial en Ortigueira atraerá empresas e investimento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaOrtigueira
A-
A+
Francisco Conde e Belén do Campo na visita ao parque empresarial da Rega

Francisco Conde e Belén do Campo na visita ao parque empresarial da Rega

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe, acompañado pola delegada territorial, Belén do Campo, o parque empresarial da Rega, en Ortigueira, onde destacou a nova rebaixa do 50% no custo do seu solo industrial co obxectivo de atraer empresas e investimentos. Esta medida, explicou Conde, levada a cabo xunto á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, inclúese nas actuacións que promove a Xunta no contexto da Axenda da Competitividade Industrial, Galicia Industria 4.0, que o Goberno galego está consensuando cos diferentes axentes económicos de cara a impulsar a competitividade do tecido empresarial.

Neste sentido, o desconto no prezo do solo se complementa cos apoios do Igape para o financiamento dos proxectos empresariais interesados en asentarse neste e outros parques empresariais, promovendo así a actividade económica co obxectivo de xerar riqueza e emprego na comarca.

Así mesmo, o titular de Economía e Industria resaltou outros “proxectos vinculados ao polígono de A Rega, e desenvolvidos grazas á cooperación co municipio”. Deste xeito, o parque empresarial conta cun novo punto limpo de reciclaxe de residuos, cunha nave na que se están a impartir cursos de formación e capacitación para os profesionais, e con redes inalámbricas que melloran as comunicacións das empresas xa instaladas.

Esta colaboración co concello de Ortigueira, proseguiu Conde, abrangue a outros ámbitos como o da eficiencia enerxética, permitindo actuacións como as levadas a cabo o ano pasado grazas ao programa de iluminación pública do Inega. Unha liña que permitiu substituír preto de 300 puntos de luz no municipio xerando un aforro económico próximo aos 10.000 euros anuais.

“Ortigueira é un concello moi dinámico que ten sabido adaptarse aos tempos e ás necesidades da economía actual, impulsando proxectos que permiten mellorar a súa competitividade”, sinalou Conde. Neste sentido, as diferentes iniciativas de cooperación municipal promovidas pola Consellería nos últimos 6 anos están a mobilizar preto de 5 millóns de euros no concello contribuíndo ao seu desenvolvemento económico e social.

26 de xaneiro de 2015 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.