A policía local de Vilagarcía tramitou por xuízo rápido 19 atestados de alcoholemia o ano pasado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSucesosVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Policía Local de Vilagarcía tramitou o ano pasado pola modalidade de xuízo rápido un total de 19 atestados por alcoholemia positiva. Os casos susceptibles de instruírse a través deste procedemento abreviado permiten que a causa se resolva en poucos días, para o cal o imputado recibe a citación para o xuízo de mans dos axentes tras cometer a infracción.

O procedemento abreviado do xuízo rápido non é aplicable aos casos de alcoholemia de persoas implicadas en accidentes de circulación, xa que estes conlevan a realización de atestados e instrución de dilixencias que se resolven polas canles xudiciais ordinarias.

Os xuízos rápidos celébranse en cuestión de días unha vez cometida a infracción, o que permite dispor de sentenza nun prazo non superior a un mes. O trámite comeza cando a Policía Local, tras detectar unha infracción e realizar a correspondente proba de alcoholemia, inicia o procedemento abreviado in situ, comprobando os datos do infractor e imputándoo pola falta ou infracción que corresponda. Tamén nese momento, léenselle os seu dereitos e xa se lle entrega en man a citación para o xuízo. Este último trámite realízase mediante a conexión da Policía coa axenda electrónica dos xulgados, na que concerta día, hora e sala na que se levará a cabo o xuízo rápido.

19 de xaneiro de 2015 | 12:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.