A Policía Local de Ferrol pon en marcha a campaña “Non deixes que o teu can se avergoñe de ti”
A Policía Local de Ferrol informa sobre a próxima campaña de control sobre animais caninos que se desenvolverá en dúas fases e en diferentes puntos da cidade, baixo o título “Non Deixes que o Teu Can se Avergoñe de Ti”. Este dispositivo especial pretende vixiar e controlar a situación dos cans que se atopan dentro do municipio ferrolán así como sensibilizar aos propietarios dos animais para evitar condutas incívicas e conseguir unha convivencia cordial entre mascotas e veciños en espazos públicos. A proposta enmárcase dentro da campaña informativa e de concienciación no eido do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria que está en marcha dende o pasado mes de decembro. Así mesmo, a medida obedece ao cumprimento da primeira “Ordenanza Municipal sobre protección e tenza de animais de compañía e animais perigosos”, aprobada no presente mandato.
Un total de catro policías diarios, en dúas quendas de mañá e tarde, vixilarán o cumprimento desta campaña en dúas fases: unha informativa e outra sancionadora. A primeira será de carácter informativo e se realizará entre os días 19 e 25 de xaneiro. Neste caso, as intervencións policiais se centrarán na detección de comportamentos indebidos na que se informarán aos infractores sobre os procedementos adecuados a seguir. Os propios axentes entregarán aos donos de cans folletos explicativos en que se destacan os principais normas que recolle a ordenaza: recollida de excrementos, o uso de correa e/ou bozal, etc… Unha vez rematada esta primeira fase informativa, a Policía Municipal sancionará a aqueles propietarios que non cumpran coas súas obrigas. Esta campaña terá lugar en diferentes puntos da cidade, facendo especial fincapé en zonas axardinadas e prazas públicas.
Infraccións sancionada
A devandita normativa municipal regula infraccións que afectan a tenza de animais de compañía en condicións de insalubridade, que molesten ou supoñan un perigo para as persoas.; utilización de colares ou dispositivos que lles causen dor ou a permanencia continuada do animal no interior dun vehículo, garaxe soterrado, patio de luces ou balcón. Outras situacións recollidas no texto legal son: a prohibición de animais ceibos en zonas públicas non dedicadas a este fin; os cánidos tampouco poderán bañarse nin beber en fontes públicas e estanques ou non recoller os excrementos. As sancións económicas por incumprimento desta normativa oscilan entre os 60 e os 300 euros, dependendo da reiteración e gravedade da infración. A ordenanza pódese consultar en www.ferrol.es.











