A Policía Local da Laracha investiga a procedencia de verteduras incontroladas de lixo na pista da Rega
A Policía Local da Laracha iniciou as investigacións oportunas dirixidas a determinar a procedencia de verteduras de escombros na pista que dirixe ao núcleo de A Rega desde a estrada provincial CP-1913, na parroquia de Cabovilaño.
O Concello da Laracha detectou a presenza de restos de obras -esencialmente tellas e placas de uralita rotas- así como dalgúns neumáticos, ao longo desta pista. Os diferentes focos de vertedura situábanse moi próximos uns de outros e nunha área de complicado acceso rodado ao tratarse dunha vía que non está asfaltada.
Unha vez realizados os correspondentes informes policiais, as brigadas municipais de limpeza retirarán nas próximas horas o material que foi ilegalmente abandonado en lugares non habilitados para tal fin.
A imposibilidade de que o Concello poida controlar e vixiar as 24 horas do día a ampla superficie municipal da Laracha implica que a concienciación cidadá e o respecto ao entorno e á poboación sexan os valores que impidan o xurdimento destas verteduras ilegais.
É por iso que desde o Concello da Laracha solicitamos a colaboración veciñal para tratar de dar cos responsables da autoría destes actos que, ademais de alterar a convivencia cívica, poden xerar importantes riscos medioambientais. De feito, as placas de uralita conteñen fibras de amianto, material altamente contaminante que require dun tratamento específico.
Ademais da correspondente multa que poida ser interposta pola Xunta de Galicia, as verteduras incontroladas de lixo están tipificadas como infraccións graves da ordenanza municipal de promoción de condutas cívicas e protección dos espazos públicos, sendo a contía económica das sancións a aplicar de entre 750 e 1.500 euros.
O Concello da Laracha lamenta a actitude incívica dos responsables destas situacións e lembra que o Punto Limpo da Laracha é un servizo totalmente gratuíto para os usuarios que está a disposición de todos os veciños do municipio no Formigueiro, moi preto do casco urbano da Laracha. A esta instalación deben levarse os residuos que, polas súas características, non poden depositarse nos colectores habituais. Tamén existe o servizo gratuíto de recollida de voluminosos a domicilio.











