A Policía Local da Coruña participa nunha campaña da DXT para mellorar a seguridade vial de camións e furgonetas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O departamento municipal de Mobilidade e Seguridade Cidadá, a través da Policía Local, participa nunha campaña especial de vixilancia e control de camións e furgonetas organizada pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT). Esta iniciativa, que xa se realizou en anos anteriores na cidade, desenvolverase durante a semana do 9 ao 15 de febreiro.

O Concello da Coruña colabora así nunha nova campaña da DXT dentro do seu compromiso de apostar por unha mellor coordinación co resto de administracións para garantir unha maior seguridade en materia de mobilidade. De feito, esta campaña especial de control de camións e furgonetas xa se realizou en anos anteriores na cidade. A Policía Local inspeccionará tanto os vehículos (autorizacións e documentos, condicións técnicas e elementos de seguridade) como aos condutores (permiso e tempos de condución, descansos e alcohol).

Con esta iniciativa, o Goberno municipal e a Dirección Xeral de Tráfico queren concienciar aos condutores de camións e furgonetas da importancia dunha correcta suxeición da carga, pois calquera desprazamento desta incide sobre a estabilidade do vehículo. De feito, a incidencia de saída da vía e de xiros é máis alta en camións e furgonetas cando se produce unha carga excesiva ou está mal colocada. Ademais, provoca un maior risco para os ocupantes doutros vehículos, especialmente dentro da zona urbana: en 2013, dos 424 falecidos en accidentes de tráfico nos que estiveron implicados camións ou furgonetas nas estradas españolas o 73,82% dos mortos eran ocupantes doutros vehículos ou peóns, unha porcentaxe que se eleva ata o 69% en vías urbanas.

O Concello, a través da Policía Local, colabora nesta campaña especial coa DXT porque comparten o obxectivo común de reducir o número de feridos e falecidos en accidentes de circulación, é dicir, aproveitar esta iniciativa para mellorar a seguridade vial. Así, o departamento de Mobilidade e Seguridade Ciudadana recompilará os resultados desta campaña para, unha vez finalice o próximo 15 de febreiro, remitirllos á Dirección Xeral de Tráfico, que á súa vez enviará ao Concello os informes e as conclusións finais.

31 de xaneiro de 2015 | 12:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.