A Oficina Municipal de Información ao Consumidor de Verín atendeu 600 reclamacións, consultas e mediacións no 2014

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

A Oficina Municipal de Información ao Consumidor do Concello de Verín (OMIC) tramitou no pasado 2014 un total de 646 reclamacións, consultas e mediacións centradas, fundamentalmente, nos sectores da telefonía fixa, móbil e internet, electricidade e seguros.

O campo das telecomunicacións ocupou o primeiro lugar en número destas reclamacións, xa que os/as consumidores amósanse indefensos/as ante cuestións como facturas excesivas, servizos non contratados, permanencias, penalizacións ou problemas coa portabilidade. O ano 2014 comezou coa presentación de reclamacións pola recepción de facturas de telefonía desorbitadas debido aos “SMS Premium”, que levaba consigo o cobro de mensaxes publicitarios ao móbil sen solicitar devandito servizo. Un total de 86 usuarios/as presentaron reclamacións por este motivo, que foron tramitadas ante a Secretaría de Estado de Telecomunicacións; mentres que outras 130 de telefonía fixa, móbil e internet foron enviadas ao Instituto Galego de Consumo.

A enerxía eléctrica ocupou un segundo lugar cun total de 62 reclamacións, seguido das entidades aseguradoras con 57 tramitadas á Dirección Xeral de Seguros e Reaseguros; mentres que o cuarto lugar é para as entidades bancarias con 41 reclamacións tramitadas ao Banco de España. Seguen a maior distancia outras gas, transportes (terrestre e aéreo), axencias de viaxes, compras por internet, tendas de roupa, garantías de electrodomésticos, academias, fontanerías, alimentación, cine, ximnasio ou reparación de vehículos, entre outras. Como curiosidades, a reclamación presentada por unha usuaria que adquiriu catro entradas para un concerto, que foi cancelado xa que a empresa vendera máis entradas das permitidas, ou a dun boleto de lotería selado nunha máquina, e cando o usuario o foi cobrar xa fora abonado en A Coruña.

Das 646 reclamacións rexistradas na Oficina Municipal de Información ao Consumidor do Concello de Verín, un total de 99 foron resoltas pola vía da mediación e 81 foron consultas (o sistema de mediación realízase, principalmente, con establecementos comerciais co obxecto de solucionar a controversia e así evitar a reclamacións, e tamén con compañías telefónicas ou de subministro eléctrico).

Por outra banda, dese a OMIC detéctase un cambio positivo nos/as usuarios/as, xa que cada vez solicitan, en maior medida, asesoramento na propia oficina da OMIC antes de realizar compras ou utilizar algún servizo, así de esta forma adquiren coñecemento dos seus dereitos e isto posibilita a súa esixencia se fose necesario. Tamén hai un notable incremento de consultas realizadas mediante correo electrónico, así como que a solicitude de información non só por parte dos/as consumidores/as senón tamén de empresarios e comerciantes do municipio. Así mesmo, hai que destacar un aumento de reclamacións interpostas directamente nos establecementos, mediante as follas de reclamacións do Instituto Galego de Consumo, que son presentadas posteriormente na OMIC para a súa mediación ou tramitación.

A Oficina Municipal de Información ao Consumidor é un servizo gratuíto que o Concello de Verín ofrece aos/ás consumidores/as e usuarios/as, cuxa finalidade é informar, orientar e educar os consumidores; así como tramitar queixas, reclamacións e denuncias dos/as consumidores/as, mediando entre as partes, cando sexa oportuno, para a resolución dos conflitos e a promoción e información sobre o Sistema Arbitral de Consumo. Este servizo préstase non só aos municipios da mancomunidade de Verín senón tamén aos pertencentes a comarca de Conso Frieiras (Viana do Bolo, A Gudiña, A Mezquita ou Vilariño de Conso).

16 de xaneiro de 2015 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.