publicidade hoxe

A nova estación de tratamento de auga potable de Ames e Brión entrará en servizo antes de verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaAmesBriónLocal Portada
A-
A+
Ethel Vázquez na visita ás instalacións

Ethel Vázquez na visita ás instalacións

A nova estación de tratamento de auga potable (ETAP) de Ames e Brión entrará en servizo antes deste verán, segundo adiantou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, que visitou as obras destas instalacións. Nesta visita tamén estiveron presentes o alcalde de Ames, Santiago Amor e o de Brión, Xosé Luís García.

Ethel Vázquez salientou que se trata duns traballos de gran relevancia nos que investimos 8,2 millóns de euros e que responden á colaboración entre a Xunta e as entidades locais de cara ao desenvolvemento de infraestruturas esenciais para a mellora da calidade de vida dos seus habitantes.

A titular de Medio Ambiente explicou que esta actuación completará o sistema de abastecemento destes dous concellos e garantirá a súa subministración de auga futura.

A nova ETAP, situada nas proximidades do lugar da Ponte Maceira, terá unha capacidade de 175 litros por segundo, o que suporá unha mellora substancial no servizo que se presta actualmente aos habitantes destes municipios.

Ethel Vázquez indicou que unha vez finalizadas as obras que están en marcha, Ames e Brión contarán cun sistema de abastecemento propio e con capacidade suficiente a través do río Tambre. Engadiu que a actuación permitirá garantir a subministración futura destas dúas vilas da área de Santiago, que están a experimentar un importante incremento de poboación. Neste sentido, esta ETAP, inicialmente atenderá arredor de 42.000 persoas, pero está deseñada para dar servizo nun futuro a unha poboación estimada de 97.000 cidadáns.

Decreto planificación Augas

A conselleira de Medio Ambiente sinalou que o Goberno galego é consciente do carácter estratéxico que os proxectos hidráulicos teñen para os concellos, por iso impulsa a súa correcta planificación, seguindo criterios de eficiencia e eficacia.

A Xunta vén de aprobar o Decreto de planificación en materia de Augas de Galicia que potencia que os diferentes organismos fagan unha adecuada xestión das súas infraestruturas hidráulicas. Para iso, este será un elemento a ter en conta antes de deseñar outra.

Ethel Vázquez concretou que o obxectivo último do seu departamento é incentivar unha boa administración das infraestruturas da auga na comunidade, optimizando os recursos e ofrecéndolle aos cidadáns cada vez mellores servizos.

21 de xaneiro de 2015 | 14:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.