A nómina de xaneiro do persoal do Concello de Ferrol recollerá parte da paga extraordinaria non recibida no exercicio de 2012
O concelleiro responsable de Economía, Patrimonio e Recursos Humanos do Concello de Ferrol, Alejandro Langtry Cainzos, anunciou hoxe que a nómina deste mes de xaneiro do persoal municipal recollerá “o tope máximo permitido por lei” da paga extraordinaria que non percibiu no exercicio de 2012. Ao respecto, Langtry Caínzos explicou que o Executivo local “quere ser un dos primeiros en adoptar esta medida, que podemos levar a cabo porque o Concello cumpre cos criterios de solvencia que esixe dende a Administración do Estado para a aplicación da mesma”. Ao fío disto, o edil ferrolán destacou a importancia de poder adoptar a decisión nesta época do ano, despois das datas de Nadal; e confiou en que supoña un incentivo para a economía familiar do funcionariado e persoal do Concello.
Noutra orden de cousas, Langtry Caínzos presidiu esta mañá a comisión informativa da súa área, que se pasou do martes a hoxe xoves. Nesta reunión dictaminouse a favor a proposta sindical de incrementar de 2 a 3 euros o prezo/hora do complemento de nocturnidade e festividade para o personal a turnos. Este acordo responde á proposta feita polos representantes sindicais na Mesa de Negociación celebrada o pasado mes de outubro en que pediron a modificación deste complemento de productividade que se tiña fixado en 2 euros/hora dende o ano 2008.
Por último, o edil de Economía deu conta en comisión dos avances na facturación electrónica. Así, a Administración ferrolá adaptou os seus sistemas informáticos e xa está conectada coa plataforma de facturación electrónica do Estado. Esta medida responde ao cumprimento da normativa de ámbito estatal que sinala que, a partir deste ano, aquelas facturas de provedores e subministradores con importes superiores a 5.000 euros deben presentarse mediante este sistema.











