A muller do ladrón confeso do Códice di que nunca viu o diñeiro na casa
A muller do ladrón confeso do Códice Calixtino, José Manuel Fernández Castiñeiras, asegurou este martes que “nunca” viu as grandes cantidades de diñeiro intervidas na súa casa -máis de 1,7 millóns de euros- tras a súa detención e defendeu que o seu marido “traballaba moito” e era “moi aforrador”.
A esposa de Fernández Castiñeiras, tamén acusada polo roubo do Códice, compareceu ante o tribunal este martes, na segunda sesión do xuízo, e, a diferencia do seu marido, aceptou responder ás preguntas de todas as partes.
Na súa declaración, ao ser preguntada polas cantidades de diñeiro intervidas, a muller apuntou que ela traballou “dende moi novo” como modista e “ía aforrando” o que gañaba, mentres que o seu marido, que é “moi traballador”, tamén aforraba grande parte do que gañaba. “Somos unha familia humilde”, sentenciou. “Na casa case non tiñamos gastos”, abundou.
O diñeiro obtido do seu traballo, asegurou, dáballo ao seu marido para que este o administrase tras descontar os gastos semanais e afirmou descoñecer “o que facía con el”, dado que “nunca” foi ao banco, onde cría que Castiñeiras o ingresara. No seu domicilio, indicou, non viu “nunca” o diñeiro que achou a Policía.
ZONA privada
A preguntas da súa avogada, a esposa do exelectricista indicou que o seu marido dispoñía dunha zona privada no domicilio familiar para traballar e que lle dixera que “non entrasen” para non “descolocar os papeis” que tiña alí.
Coa voz entrecortada polo choro, a acusada afirmou non recordar o que declarou no seu momento ante o xuíz instrutor, dado que, asegurou, José Antonio Vázquez Taín se “burlou” dela “dicindo que era unha paleta”.











