A metade do alumnado do programa de inclusión social na vida adulta aprobaron os exames de competencia clave

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol, dirixida por Rosa Martínez Beceiro, fixo balance hoxe do programa de inclusión social na vida adulta “Participando”, que se desenvolve grazas ao convenio asinado coa Asociación Síndrome de Down Teima-Ferrol. Este foi un dos temas abordados esta mañá na comisión informativa da Área. Un total de 32 persoas con discapacidade intelectual participaron nesta iniciativa pretende promocionar a autonomía persoal, fomentar a autoxestión para acadar as competencias básicas, e mellorar a calidade de vida. Así, o programa inclúe a formación en competencias clave para o emprego, autonomía persoal e urbana e autoxestión.

Martínez Beceiro destacou o alto porcentaxe de aprobados na convocatoria de exames de competencias clave (nivel II e III) de lingua galega, castelá e matemáticas que realizaron no pasado mes de xuño. Aí, máis dun 50% superaron todas as competencias ou dúas delas. Esta actividade enfocada á mellora nas competencias básicas clave para o emprego, incluíu a formación dixital, que aínda que non se avalía nas probas de competencias clave, permite ao alumnado coñecer recursos dixitais, aprender programas e o acceso a internet.

Neste programa de inclusión social na vida adulta tamén se realizaron actividades de autonomía urbana coa elaboración de guías para o ocio accesible a todos os usuarios, a proposta fotográfica “Inquedanzas” ou a creación dun listaxe de tarefas para a mellora da autonomía persoal. Tamén levaron a cabo un fondo monetario para actividades de contabilidade, un plan de apoio entre o alumnado, traballos de comunicación verbal e non verbal, e a resolución de conflitos. Así mesmo, os alumnos e alumnas de “Participando” fixeron diferentes saídas culturais, turísticas e de ocio.

Ademais, levaron a cabo actividades de autoxestión onde traballaron as accións personalizadas, os compromisos, a autoavaliación así como os debates sobre dereitos e discapación. Todas elas, se realizaron nun entorno interactivo para favorecer a participación e con práctica grupal no contexto real.

Envellecemento activo

Noutra orde de cousas, a concelleira de Benestar Social tamén deu conta do balance da campaña de sensibilización para un envellecemento activo “Activamente”. Unha media de 40 persoas participaron en cada unha das sesión desenvolvidas nas entidades veciñais ao abeiro desta iniciativa. Esta campaña para promover o envellecemento activo desenvolveuse en cinco asociacións veciñais da cidade – Santa Mariña, San Pablo, Ultramar, O Rosario e O Cruceiro de Santa Icía- e en sete sesións por cada unha delas.

A edil Rosa Martínez destacou que o perfil maioritario de participantes foron mulleres de entre 60 e 88 anos. “Esta iniciativa pretende fomentar a actividade física e mental para un envellecemento activo”, explicou a concelleira responsable das políticas sociais do Concello de Ferrol.

15 de xaneiro de 2015 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.