A Mesa de Contratación da Laracha inicia proceso de adxudicación do novo contrato de xestión da piscina

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

A Mesa de Contratación do Concello da Laracha reuniuse hoxe para proceder á apertura das plicas “A” (documentación administrativa) e “B” (criterios técnicos, neste caso referido ao proxecto deportivo e de xestión da instalación) da única proposta que foi presentada no procedemento de adxudicación a unha nova empresa concesionaria da xestión, limpeza, conservación, mantemento e explotación do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha.

Hebe Sport é a entidade que opta a ser a adxudicataria do contrato e, tras comprobarse que cumpre cos requisitos administrativos e técnicos requiridos, soamente resta por verificar que a oferta presentada tamén se axusta ás condicións estipuladas nos pregos que rexen o procedemento.

Precisamente con esa finalidade nos próximos días o Concello da Laracha convocará unha nova reunión de Mesa de Contratación na que se abrirá a plica “C” coas condicións económicas, valorándose aspectos como o abaratamento das tarifas aos aboados, as mellores condicións para o uso especial de estaxes por horas a entidades deportivas e a rebaixa do canon a aboar polo Concello para restablecer o equilibrio económico, que como máximo será de 96.400,34 euros.

A proposta da Mesa de Contratación, órgano formado por técnicos municipais e por representantes dos tres grupos políticos con representación no Pleno, será elevada, primeiro, á correspondente Comisión Informativa e, posteriormente, á Xunta de Goberno Local para, de ser o caso, proceder á adxudicación do contrato.

A empresa Hebe Sport xa fora concesionaria da xestión, limpeza, conservación, mantemento e explotación do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha entre os anos 2004 e 2010.

O novo contrato de concesión terá unha duración de catro anos sen posibilidade de prórroga, tal e como indican os pregos do procedemento.

19 de xaneiro de 2015 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.