A marca galega Naffta será a encargada de vestir ao equipo español de Copa Davis
A marca galega de roupa deportiva Naffta vestirá aos equipos españois de Copa Davis e Copa Federación de Tenis, segundo o acordo que foi rubricado na sede madrileña do Comité Olímpico Español entre o conselleiro delegado de Naffta, Miguel Sainero, e o presidente da Real Federación Española de Tenis, José Luis Escañuela, nun acto no que estiveron presentes a capitá do equipo español de Copa Davis, Gala León, e o presidente do Comité Olímpico Español, Alejandro Blanco, quen quixo resaltar o labor que está a realizar a RFET, e destacou a xestión de José Luis Escañuela.
Os deseñadores de Naffta xa comezaron a traballar nas equipacións de home e muller, que vestirán tanto os xogadores coma os adestradores, médicos, capitáns, directores deportivos e o persoal de apoio. Ademais dos de Copa Davis e Copa Federación, os equipos de sub-12, sub-14, sub-16 e sub-18, tanto masculinos coma femininos, levarán tamén as equipaciones de Naffta, así como as seleccións femininas e masculinas de veteranos, os árbitros e os equipos de tenis en cadeira de rodas que representen a España en competicións europeas e mundiais.
Como parte do acordo, Naffta comercializará as pezas baixo o nome de “Colección RFET-Naffta”, e tanto a través de tendas físicas como na súa tenda online.
A estrea en pista das equipacións femininas producirase no torneo de Copa Federación que os próximos 7 e 8 de febreiro se celebrará na cidade romanesa de Galati, onde España se enfrontará a Romanía. Posteriormente, terá lugar en Madrid o acto de presentación oficial de todos os deseños.
O acordo, en palabras de Escañuela, “é unha aposta pola Marca España, por unha empresa que, ademais de ser española, ten un enorme prestixio no mundo do deporte porque sempre apostou por unha alta calidade e un deseño que a distingue”. Pola súa banda, Miguel Sainero asegurou que este acordo é “todo un reto para o noso equipo, pois queremos que o estilo Naffta, sinónimo de calidade e deseño atractivo, distinga as nosas seleccións de tenis masculina e feminina”. O acordo, sinalou Sainero, contribuirá ademais a consolidar o emprego e a expansión internacional da empresa, cuxo obxectivo a medio prazo é consolidarse como “a referencia mundial en roupa deportiva de alta calidade”.
Pola súa parte, Gala León, directora deportiva da RFET e capitá de Copa Davis, afirmou que “Naffta é unha gran marca española, polo que esperamos que os afeccionados gocen da equipación da selección española de tenis como acontece noutros deportes”.
Sobre Naffta
Naffta foi fundada en 1996 e ten a súa sede central en Vigo, onde emprega 30 persoas. Deseña e fabrica roupa deportiva para tenis, spining, fitness, running, ioga, pilates, pádel e complementos, sempre con materiais de nivel técnico e un deseño atractivo. O seu capital é 100% español e fabrica sempre en Europa e en condicións laborais responsables. A súa roupa distribúese fundamentalmente en Europa e Estados Unidos.











