A Laracha solicita participar en programas de promoción do emprego da Consellería de Traballo
No Concello da Laracha celebrouse hoxe unha sesión da Xunta de Goberno Local na que se acordou solicitar a participación en senllos programas de promoción e fomento do emprego promovidos pola Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.
Por unha parte, presentouse unha solicitude ao abeiro da convocatoria para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da Risga. O goberno local pretende formar un grupo de peóns para o desenvolvemento de traballos relacionados co mantemento en bo estado dos entornos naturais e a conservación da riqueza medioambiental.
Por outro lado, tamén se propón participar no programa de cooperación coas entidades locais para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade. O Concello da Laracha pretende acollerse a esta liña de subvencións para, do mesmo xeito que en anos anteriores, formar os equipos de vixilancia e socorrismo que actuarían na praia de Caión durante o próximo verán.
Proxecto mellora iluminación pública
Ao abeiro da convocatoria da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, o Concello da Laracha presenta un proxecto valorado en máis de cincuenta mil euros e relacionado coa mellora do servizo municipal de iluminación pública.
O goberno local pretende acceder a esta liña de subvencións para cofinanciar a substitución, renovación e mellora de máis de medio centenar de cadros eléctricos do alumeado público en diversidade de zonas rurais, contemplando a inclusión nos mecanismos de reloxos astronómicos, elementos que permiten o acendido e apagado de xeito automático e acorde á época do ano baseándose na posición solar, o que implica unha maior eficiencia e aforro enerxético.











