A feira Termatalia recibirá o Premio “Excelencias Turísticas 2014”
Termatalia, Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, recibirá o Premio “Excelencias Turísticas 2014” que outorga o grupo de comunicación internacional Excelencias e que teñen o obxectivo de fomentar a excelencia nos ámbitos relacionados co turismo e a cultura. O xurado deste premio, composto por xornalistas e empresarios do sector de varios países, valorou o feito de que Termatalia sexa “a única cita especializada” a nivel mundial “que representa a ponte termal entre Europa e América Latina”. A entrega desta distinción terá lugar o próximo mércores 28 de xaneiro no marco de FITUR, a Feira Internacional de Turismo de Madrid. En concreto será no salón de actos do Pavillón 3 ás 17.00 h.
Os PREMIOS EXCELENCIAS foron creados no ano 2005 e dende entón convertéronse nun referente para todos aqueles que están involucrados no sector turístico e desenvolven a súa actividade sempre coa meta de lograr ser excelentes. O Grupo de Comunicación Excelencias conta con diversos medios de comunicación nos que Cuba, o Caribe e a América ocupan un privilexiado espazo.
Os seus medios son un exemplo de ponte turística entre Europa e América e entre eles destacan as revistas “Excelencias Turísticas”, “Excelencias Gastrónomo” ou o portal www.caribeannewsdigital.com. Excelencias é membro de CTO (Caribbean Tourism Organization) e de CHA (Caribbean Hotel Association) e forma parte dun acordo de colaboración coa UNESCO. As súas oficinas de representación radican en España, Holanda, Alemaña, Italia, México, Panamá, Costa Rica, Cuba, República Dominicana, Aruba, Xamaica, Venezuela e Brasil.
O xurado valorou que Termatalia “se convertese en punto de encontro entre a tradición balnearia europea e o enorme potencial de América Latina; que se trate dun proxecto convertido en centro internacional de negocios do turismo de saúde e da industria termal; e que a súa traxectoria o consolidara como referencia do sector na que están presentes os principais profesionais e destinos termais do mundo”.
Despois de celebrar en 2014 a súa segunda edición en América Latina (en Termas de Río Fondo-Arxentina), TERMATALIA programa a cita do 2015 na capital termal española de Ourense, onde se converterá de novo nun CENTRO DE NEGOCIOS para o sector do TURISMO DE SAÚDE, o TERMALISMO, a TALASOTERAPIA, e o SPA. Contando coa participación de máis de 25 países, TERMATALIA fomentará o intercambio de experiencias entre distintos continentes, dende un punto de vista empresarial, institucional e social, para obter unha perspectiva global do sector. Entre as accións de negocio da feira destacan a Bolsa de Contratación Turística con operadores internacionais dos dous continentes, as roldas con provedores de equipamento e servizos e o Foro de Investidores.











