publicidade hoxe

A Feira do Verdugo converterá o pavillón de Ponte Caldelas nun centro comercial urbano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioPonte Caldelas
A-
A+
Presentación da Feira do Verdugo

Presentación da Feira do Verdugo

O alcalde de ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, a presidenta de COEMPO, Gloria Suárez e o secretario desta entidade Roberto Ricón, presentaron a “VII Feira do Verdugo”, organizada pola Asociación de Comerciantes e Empresarios de Ponte Caldelas (COEMPO), en colaboración co Concello de Ponte Caldelas, e que converterá o pavillón de deportes nun macrocentro comercial urbano, durante este fin de semana do 31 de xaneiro e 1 de febreiro. O horario será de 10 a 21 horas ambos os dous días.

A entrada ao recinto feiral será totalmente gratuíta e as persoas que decidan acudir a este evento terán a opción de adquirir produtos ofrecidos por unha trintena de establecementos comerciais do municipio a uns prezos moi rebaixados para a ocasión con descontos que irán dende o 20 ao 50% en moitos dos postos presentes na feira.

Na presente edición da Feira do Verdugo estarán presentes sectores tan distintos como o téxtil, calzado, enxoval, repostaría, maquinaria agrícola, sistemas de calefacción, deportes, pesca, caza, mascotas e mundo animal, disfraces, complementos, bixutería, froitaría, cosmética, perfumaría, videoxogos, etc.

Todos os produtos que poderán ser adquiridos na “Feira do Verdugo” contarán con todas as garantías de calidade esixidas pola normativa española e europea en materia de dereitos do consumidor coa vantaxe de que estarán a un prezo especial para facilitar a compra por parte dos miles de visitantes que se espera acudan a visitar os novos postos de COEMPO.

Este salón de oportunidades volve celebrarse no renovado pavillón municipal de deportes tras as obras de construción que supuxo a súa modernización definitiva e volverá contar cunha moqueta vermella de protección da pista deportiva para facilitar a instalación dos postos e o paso das miles de persoas que se esperan nesta feira co fin de evitar posibles danos nas instalacións.

Esta feira de oportunidades conta, novamente, coa colaboración económica e organizativa do Concello de Ponte Caldelas dentro da súa vontade de axudar cun dos sectores máis dinámicos do municipio e favorecer a promoción económica non só dos participantes senón tamén do sector hostaleiro que se verá beneficiado pola previsible afluencia de público e visitantes que se acheguen durante este fin de semana ata Ponte Caldelas.

27 de xaneiro de 2015 | 18:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.