A exposición “Barriga Verde, de Feira en Feira” pódese visitar no Pazo de Liñares ata o 31 de marzo

Crespo con Basterra
O alcalde de Lalín, José Crespo, que onte á noite participou no Pazo de Liñares na inauguración da exposición “Barriga Verde, de Feira en Feira”, xunto á comisaria e integrante da AC Morra o Demo -asociación promotora xunto con Viravolta da mostra-, Comba Camboy, e cun dos Silvent, descendente de Barriga Verde, e coa concelleira de Cultura, María Álvarez, anima aos lalinenses e visitantes a achegarse a esta mostra que recrea o mundo das tradicións das feiras dos anos 60, nas que o último dos titiriteiros galegos, Barriga Verde, representaba o seu espectáculo.
Na mostra pódese ver desde a recreación dunha das feiras nas que actuaba Barriga Verde, ata un proxecto de cine mudo que formaba parte do espectáculo do propio Barriga Verde ou ata unha mostra das marionetas orixinais de Barriga Verde, unha selección de exemplares do Centro Internacional de Títeres de Tolosa ou do Museo de Marionetas de Porto.
Crespo indicou que para os que teñen máis de 50 anos é un mundo que lles resulta familiar, non así para os máis novos, que teñen unha ocasión fantástica para ila ver ata o 31 de marzo e somerxerse no mundo dos xogos tradicionais, das feiras de antano… Unha exposición posible grazas á Asociación Cultural Morra o Demo e a Viravolta que fixeron posible traela a Lalín, e a quen o rexedor agradeceu a colaboración por facela posible.
“Barriga Verde, de Feira en Feira” pódese visitar os mércores, xoves e venres pola tarde en horario de 17 de 19 horas e os sábados e domingos de 10 a 14 e de 17 a 19 horas ata o 31 de marzo.











