A Estrada incluirá na solicitude dun novo Obradoiro de Emprego a reforma da Casa da Música

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Estrada
A-
A+

O alcalde da Estrada, José López Campos, anunciou hoxe que o concello optará á consecución dun novo Obradoiro de Emprego co proxecto de mellora integral e conversión do actual edificio de usos múltiples na Casa da Música. Tras indicar que a Xunta de Galicia vén de abrir a convocatoria para a presentación de solicitudes dos Obradoiros de Emprego, López precisou que o concello xa comezou a traballar para plantexar un proxecto que permita “pechar o círculo de actuacións e de cumprimento de compromisos electorais que se abrirá proximamente co traslado da biblioteca municipal á Casa das Letras e coa ubicación da sede de Protección Civil en Toedo, nas dependencias do antigo Centro Comarcal”.

O rexedor local explicou que a creación da Casa da Música incluirá non só a mellora integral do edificio e a reordenación de espazos, senón tamén o acondicionamento dunha pequena praza exterior, aberta ao público e orientada á avenida Benito Vigo, que será posible cando se baleire a superficie actualmente reservada para o estacionamento de vehículos de Protección Civil. “A Estrada é un concello cunha fonda tradición musical e dende o goberno local comprometímonos no seu día a traballar para proporcionarlle aos estudiantes e afeccionados as mellores condicións para a súa formación, sexa oficial ou non regrada”, indicou López, antes de salientar que a Casa da Música dará cabida ao Conservatorio Profesional de Música, á Escola Municipal de Música, á Coral Polifónica Estradense e á Banda Municipal de Música da Estrada. “Estamos a falar dunha mellora da que se beneficiarán directamente máis de 300 estradenses como usuarios desas instalacións”, enfatizou.

Por último, o rexedor local precisou que a redistribución interior dos espazos que ofrece o inmoble nas súas tres plantas permitirá manter as oficinas e o servizo de datos da Estrada Dixital e tamén os estudos de Radio Estrada.

17 de xaneiro de 2015 | 14:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.