A Escola Infantil Municipal de San Sadurniño publica a lista de nenas e nenos admitidos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Tal e como estaba previsto, o departamento de Igualdade publicou hoxe o listado definitivo de nenos e nenas admitidos na Escola Infantil Municipal, que abrirá as súas portas o próximo luns 2 de febreiro. Son 20 pequenos e pequenas distribuídos case a partes iguais nas unidades de un a dous anos e de dous a tres, agás unha nena que ten praza na de cero a un ano. Os pais e nais están convocados a unha xuntanza o xoves pola tarde e o centro inaugurarase oficialmente o sábado pola mañá.

Tralo remate do periodo de reclamacións sen que se presentase ningunha, o Concello resolveu admitir todas as solicitudes, incluída a que formaba parte da lista de agarda por terse presentado fóra de prazo. Ás familias notificaráselles a admisión este martes xunto cos importes que deberán satisfacer pola matrícula e por cada mensualidade até o mes de agosto en que rematará este primeiro curso da EIM.

O luns que vén empezarán a escola unha vintena de nenos e nenas: 1 na unidade de 0-1, 10 na unidade de 1-2 e 9 na unidade de 2 a 3 anos. En case todos os casos irán só pola mañá ou con algunha hora a maiores. As matrículas máis numerosas serán do municipio -9 en total-, aínda que tamén hai catro familias de Moeche, dúas das Pontes, unha das Somozas e outra de Narón que botarán man deste novo servizo impulsado polo Concello de San Sadurniño. Todas elas están convocadas para unha xuntanza o xoves a partir das 19.00 nas instalacións da escola. Trátase dunha reunión informativa na que participarán, ademais das familias, o equipo técnico do Concello e o persoal que xestionará o centro.

A Escola Infantil Municipal de San Sadurniño ten capacidade para atender 38 nenos e nenas. Malia que o servizo está a algo máis do 50 por cento das súas posibilidades, tanto a empresa xestora como os servizos de Igualdade sinalan que se cumpriron e mesmo se superaron as expectativas. Neste sentido a concelleira da área, Ana Belén Breijo indicou que “hai familias interesadas na escola que preferiron deixar os pequenos noutros centros ata o arranque dun novo curso”. 

Como queira que sexa, a EIM situada no edificio anexo á casa consistorial botará a andar o 2 de febreiro. Para non interferir dese primeiro día de escola, o Concello trasladou ao sábado o acto oficial de inauguración do centro. Será a partir das 12.00h e a el están convidadas tanto as familias como calquera persoa que queira coñecer o funcionamento do servizo.

26 de xaneiro de 2015 | 20:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.