A escola infantil municipal de San Sadurniño abrirá as súas portas o 2 de febreiro
Xa hai data para a apertura da EIM de San Sadurniño. Será o próximo 2 de febreiro, tal e como quedou de manifesto no primeiro pleno ordinario do ano celebrado esta mañá de sábado. Porén, na sesión tamén se trataron máis cousas, entre elas a aprobación do convenio de cesión de parte da antiga casa consistorial á Garda Civil. Un convenio que obtivo a unanimidade da corporación e para o que tamén hai data, xa que o documento se asinará o próximo mércores.
O pleno ordinario arrancou con tres puntos de trámite. O primeiro deles foi a aprobación da acta da sesión anterior e o segundo o de por en coñecemento dos grupos municipais o estado de tramitación das facturas correspondentes ao cuarto trimestre de 2014. Un asunto este último que non achegou ningunha información. O secretario municipal comunicou que a Tesourería non pode facilitar os datos “neste momento” e que o informe estará listo “a finais de mes”. En relación coa xestión económica do Concello tamén se aprobou por unanimidade o acordo de sumarse á plataforma de facturación electrónica FACe e, en particular, a posibilidade de que aquelas facturas de menos de 5.000 euros poidan seguir presentándose tanto por vía telemática como en papel.
A unanimidade tamén se produciu nos dous seguintes puntos. O cuarto centrouse na cesión de parte das antigas instalacións municipais á Garda Civil para mellorar as condicións en que presta os seus servizos. O alcalde manifestou que a ratificación plenaria do convenio “é o final dun proceso iniciado en 2014” e adiantou que o documento se asinará o mércores 14 ás 12 da mañá. Por outra banda, no quinto apartado da orde do día propúxose a aprobación de pequenas modificacións no regulamento da Escola Infantil Municipal propostas pola Xunta de Galicia. Sobre o asunto, Secundino García informou de que esta mesma semana chegou a autorización administrativa para poñer en marcha o centro, que abrirá as súas portas o día 2 de febreiro.
Os cinco primeiros puntos da orde do día quedaron vistos e aprobados en algo menos de dez minutos. Porén o debate chegou á sesión no apartado de mocións. A primeira delas introducida polo BNG ao respecto interpoñer recurso Contencioso Administrativo contra a resolución da Consellería de Medio Ambiente de 15 de decembro mediante a que a Xunta se reserva o dereito de detraerlles aos concellos o importe do canon de SOGAMA dos cartos que lles tocaría percibir do fondo de cooperación local. Unha medida que para o BNG “excede as competencias autonómicas”, xa que, segundo asegurou Suso Soto, a Xunta “non pode impoñer dun xeito arbitrario e discrecional” o pagamento do canon mediante esta fórmula.
O portavoz nacionalista informou que San Sadurniño leva desde mediados do ano pasado devolvendo as facturas da empresa participada pola Xunta e Gas Natural-Fenosa amparándose no convenio de adhesión suscrito no 2004, no que se establece que o único mecanismo para a revisión dos prezos por tonelada é a suba do IPC. Con todo, Soto aclarou que o concello “fixo a reserva de crédito necesaria” se, chegado o caso, a xustiza ordena pagar o prezo esixido pola Xunta.
Soto asegurou, ademais, que a suba do prezo do lixo non obedece a criterios obxectivos senón a “unha imposición de Gas Natural” que “vai contra a autonomía municipal” e que, ante esta situación, o goberno local de San Sadurniño “está defendendo os intereses e a dignidade da xente”. Unha postura secundada polo alcalde, Secundino García, quen acusou á Xunta de “chantaxear” aos municipios que se neguen a asumir o canon e lembrando que a devolución das facturas se debe a que “non se axustan ao recollido no contrato”. García engadiu tamén que a postura do seu goberno “non é dicirlle amén a Fenosa”.
O PP defendeu a liña que segue a Xunta de Galicia e argumentou que a postura de municipios coma San Sadurniño “ameaza” o sistema de tratamento do lixo. Plácido López cualificouna de “irresponsable e insolidaria co resto de concellos que si pagan”. O PSOE dixo que o canon “é inxusto” pero mostrou a súa preocupación sobre que o Concello decidise non pagar as facturas “polas responsabilidades que poida haber no futuro”. Para Fernando Márquez o que debería ter feito o goberno é “primeiro pagar e despois reclamar”. A moción saiu adiante cos votos nacionalistas. O Partido Popular votou en contra e o PSOE abstívose.
O debate reactivouse na segunda moción do BNG, a relativa á solicitude dunha tarifa eléctrica galega en resposta á nova normativa estatal que, segundo o Bloque, “provoca que teñamos unha factura cara”. Os nacionalistas expresaron a necesidade de que Galicia, “como país excedentario en enerxía” debería contar “cunha tarifa eléctrica diferenzada, igual que ocorre en Euskadi onde a peaxe é entre un 15 e un 20 por cento menor que no resto do Estado”, algo que, para o BNG, beneficiaría “á cidadanía” e “á competitividade das empresas”. A proposta bateu coa oposición popular, quen acusou ao BNG de “querer aislar a Galicia”, lembrando ademais que os “elevados” custes do transporte da electricidade no noso país. O PSOE apoiou a moción expresando que Galicia “como grande produtor debe obter beneficio” e pedindo “que se eliminen as peaxes, todas as peaxes, incluso as das autoestradas”.
No apartado de preguntas só interviu Fernando Márquez para saber do estado de tramitación do planeamento urbanístico. Secundino García respostou que nestes momentos o Concello xa dispón da documentación urbanística e que a finais de decembro se lles remitiu á consellería de Territorio, ao Ministerio de Fomento, á dirección xeral de Aviación Civil e a ADIF para que emitan os informes correspondentes. O alcalde indicou que tan pronto como se reciban estes informes poderá procederse á aprobación inicial do PXOM.











