A escola infantil de San Sadurniño recolleu 19 solicitudes de matrícula

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Este mediodía pechou o prazo especial de matrícula aberto polo Concello para cubrir a que será a primeira promoción da escola infantil municipal. En total presentáronse 19 solicitudes, concentradas case por completo nos grupos de idade de un a dous anos e de dous a tres. O centro, que xa recibiu a autorización administrativa, abirá ás súas portas o luns 2 de febreiro. O Concello preparou para dous días antes -o sábado 31- un sinxelo acto que servirá tanto para inaugurar o curso como o recinto.

Tralo remate do prazo de solicitude de matrícula, agora empeza o traballo administrativo para darlle curso ás peticións. Un traballo suxeito a varios prazos e procedementos de obrigado cumprimento. Nos próximos días faranse as baremacións e a proposta inicial de admisións/exclusións que irá seguida dun periodo de reclamacións comprendido entre o 19 e o 24 deste mes. A resolución publicarase o día 26 e a partir desa data comunicaráselles ás familias admitidas a contía que deberán satisfacer antes do día 31, data en que se dará a coñecer a lista de nenos e nenas admitidos no centro. 

Este procedemento forma parte dun proceso de admisión de carácter excepcional aberto polo Concello para cubrir as primeiras prazas da escola. De cara ao curso que vén -2015/16- e sucesivos, o propio regulamento de funcionamento marca que no mes de marzo se abrirá un prazo de reserva para familias que xa sexan usuarias e, posteriormente, outro para novas incorporacións.

A escola infantil municipal de San Sadurniño ten capacidade para atender un total de 38 nenos e nenas, distribuídos en unidades de 0-1 ano (8 prazas), de 1 a 2 anos (13 prazas) e de 2 a 3 anos, cunha oferta de 13 prazas. Nesta primeira quenda de matrículas houbo solicitudes de praza para 19 meniños e meniñas: 9 para idades entre 1 e 2 anos, outras 9 para cativiños e cativiñas de entre 2 e 3 anos e tan só unha solicitude para un bebé menor de un ano.

A escola é un servizo de titulariedade municipal xestionado pola empresa Bolboreta S.C. que nace coa vocación de ser centro de referenza comarcal para a educación da primeira infancia. De feito, de todas as solicitudes presentadas 10 son de San Sadurniño, 4 de Moeche, 3 das Pontes e 2 de Narón.

Inicio do curso

O centro recibiu hai escasos días a comunicación oficial da autorización para iniciar a actividade e o primeiiro día de escola para os 19 nenos e nenas será o luns 2 de febreiro. Para que o inicio sexa o máis normal posible, o Concello e Bolboreta acordaron trasladar ao sábado 31 de xaneiro a inauguración oficial das instalacións. Será nun sinxelo acto público na propia escola programado para as 12 da mañá. A el están convidadas as familias que estrearán o servizo e tamén calquera persoa interesada en coñecer o recinto e o seu funcionamento.

13 de xaneiro de 2015 | 18:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.