A Escola de Atletismo pontevedresa ten na Coruña a súa primeira competición de pista cuberta do ano
O sábado pola mañá, no Pazo de Deportes de Riazor celébrase a Final da Liga Escolar-Federada; dirixida ás categorías benxamín, alevín e infantil e que tivo no mes de novembro, a súa xornada clasificatoria, polos diferentes núcleos atléticos de Galicia.
Se o ano pasado a Sociedade Ximnástica acudiu con dous equipos, nesta edición tamén clasificou a dous conxuntos, os das categorías, infantil masculina e alevín feminina.
Será unha xornada intensa que se prolongará ata preto das tres da tarde. Haberá que madrugar para chegar para as primeiras probas, ás once menos cuarto da mañá; pero a recompensa será grande para as novas promesas pontevedresas, que vivirán unha experiencia única, competindo cos mellores atletas de Galicia na súa categoría respectiva.
A expedición pontevedresa sairá en autobús, ás oito da mañá, dende o Pavillón Municipal de Deportes de Pontevedra.











