A empresa adxudicataria presenta un informe no que se reflicte a situación do alumeado público
Os voceiros de todos os grupos municipais da corporación, coa presenza de José Antonio Viña, do PSOE, Manuel Andrade, de TEGA, Miguel Ferreiro, do PP, e do Alcalde, Evencio Ferrero, veñen de manter unha xuntanza na que a empresa adxudicataria do servizo de alumeado público, Ferroser-Ferrovial, presentou un informe no que se recolle a información relativa aos niveis lumínicos do Concello e sobre a situación dos puntos de luz no municipio e das reclamacións presentadas. O Alcalde, logo de que o PP presentara no último pleno de 2014 unha moción acerca da situación do alumeado público, convocou a reunión para analizar a situación e traballar naqueles aspectos que sexan susceptibles de mellora.
Unha das conclusións da xuntanza é que está previsto realizar un modificado do contrato actual para que a empresa coloque lámpadas LED nos parques públicos e mellore así o seu alumeado. Antes desta xuntanza, a Casa do Concello tamén acolleu outra reunión de voceiros (na imaxe) na que, neste caso, se abordou a situación actual da licitación do Contrato de xestión integral do ciclo da auga. Despois de coñecerse a sentenza do Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais (TACRC) pola que se decidiu reiniciar o proceso de adxudicación, os voceiros escoitaron de man dos técnicos municipais e da empresa encargada da elaboración do contrato as modificacións que se realizarán no prego de condicións antes de reiniciar o proceso. En todo caso, e como na primeira ocasión, debe ser o pleno o organismo que valide o contrato debido á súa elevada contía, xa que, sumando os 20 anos de concesión, a cifra rolda os 58,6 millóns de euros.











