A Deputación homenaxea en Vigo á dobre campioa de España de Piragüismo Ainhoa Lameiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesPontevedraVigo
A-
A+
Homenaxe a Ainhoa Lameiro

Homenaxe a Ainhoa Lameiro

A deputada provincial Marta Iglesias, acompañada do portavoz popular municipal de Salceda de Caselas, Santiago Rodríguez Davila, recibiu onte na sede viguesa da Deputación a Ainhoa Lameiro Rodríguez, actual campioa de España de piragüismo por partida dobre na modalidade de slálom (kaiak e canoa). Lameiro está considerada unha das piragüistas de maior proxección en Galicia. O acto pretendía recoñecer o seu labor e a súa traxectoria de éxitos, que a levaron con tan só 14 anos a lograr un dobre campionato nacional e a ser recoñecida como unha das grandes promesas desta disciplina, unha das máis espectaculares do piragüismo de competición.

Ainhoa Lameiro comezou o seu adestramento no club Penedo de Salceda de Caselas, ó que está “moi agradecida polo grande ambiente, o compañeirismo e a cordialidade coa que me acolleron”. Inicialmente practicou patinaxe durante algún tempo, ata que unha conferencia a achegou ata o club Penedo da man dalgúns dos seus responsables. Na actualidade traballa a súa evolución no Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, onde tamén cursa os seus estudos.

Lameiro recoñece que está a fixar os obxectivos de futuro pouco a pouco. “Para min o importante é seguir evolucionando e competindo e chegar á selección española”, dixo. Os seus adestradores e compañeiros eloxian a súa capacidade física e psíquica para manter un gran nivel na elite da competición, dentro da súa categoría.

A deputada Marta Iglesias, así como Santiago Davila, destacaron “a constancia e o esforzo persoal de Ainhoa Lameiro”, así como o labor do club no que milita e o do Centro de Tecnificación de Pontevedra. En nome da Deputación entregáronlle un diploma que rende homenaxe á súa traxectoria. Ademais, desexáronlle sorte nos seus próximos obxectivos, que pasan por revalidar un ano máis o campionato de España e probar sorte nalgunha competición internacional.

26 de xaneiro de 2015 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.