A Deputación de Pontevedra pon en marcha o módulo de facturación electrónica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

 A Deputación de Pontevedra puxo en marcha onte, xoves 15 de xaneiro, a Sede Electrónica da Deputación, que inclúe o módulo de facturación electrónica, segundo informou hoxe en rolda de prensa o presidente, Rafael Louzán.

Tamén desde onte a Administración Xeral do Estado xestiona as facturas electrónicas a través dunha plataforma xeral para os concellos, coñecida como FACe. O módulo da Deputación permite que as empresas presenten as súas facturas telematicamente para importes superiores a 5.000 euros.

Para usar este servizo de facturación electrónica as empresas só precisan dun ordenador con conexión a internet e dun certificado dixital ou DNI electrónico para poder identificarse.

O novo servizo permitirá a introdución de facturas de dúas formas diferentes: cubrindo manualmente os datos a través dun formulario ou xuntando unha factura no formato electrónico Factura-e 3.2.

A posta en marcha do servizo é un paso máis da Deputación de Pontevedra cara á Administración electrónica e cara á prestación de servizos telemáticos, fomentando a eliminación do papel nos procedementos administrativos.

Vantaxes para os concellos e os cidadáns

O módulo posto en marcha pola Deputación ten a vantaxe para os concellos, fronte á plataforma do Ministerio, de que se integra coa plataforma de xestión de expedientes eDepo, o que permite que as facturas enviadas se rexistren automaticamente, se tramiten e contabilicen sen necesidade de mecanizar os datos da propia factura, conseguindo así dispoñer dun procedemento integramente electrónico.

Outra das vantaxes do módulo da Deputación é que reduce a carga de traballo nos rexistros e nos servizos desta institución xa que non se terán que introducir manualmente os datos das facturas. O sistema conseguirá unha notable redución da carga administrativa e, por conseguinte, do tempo de tramitación e pagamento das facturas.

Louzán explicou que estas vantaxes reafirman o goberno provincial no uso das novas tecnoloxías como medio para mellorar a eficiencia e eficacia da administración e reducir custos. Neste sentido, lembrou que, a través do CPAE 2.0, os técnicos provinciais están ofrecendo charlas e cursos para as empresas, pemes e autónomos en diversas localidades da provincia para formalos e explicarlles os novos procedementos telemáticos.

16 de xaneiro de 2015 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.