A Deputación de Pontevedra adxudícalle a Pérez Portela S. L. a obra de urbanización da estrada Cangas-Coiro-Magdalena

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangasPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra adxudicoulle á empresa Excavaciones y Construcciones Manuel Pérez Portela S. L. a obra de urbanización da estrada Cangas-Coiro-Magdalena, desde o quilómetro 0,7 ó 2,1, por 1.027.389 euros e cun prazo de execución de oito meses.

A obra inclúe dúas seccións transversais para todo o tramo. A primeira está formada por dous carrís de circulación de 3 metros cada un e senllas beirarrúas de 1,80 metros como mínimo (nos casos nos que as frontes das casas queden xunto ás beirarrúas, estas estenderanse ata elas). Excepcionalmente, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 1+100 e 1+160 as beirarrúas redúcense ata os 1,50 metros para poder encaixarse entre as edificacións existentes.

A segunda sección está formada por dous carrís de circulación de 3 metros cada un, dúas beirarrúas de 1,80 metros como mínimo e un espazo de aparcadoiro de 2,20 metros na marxe esquerda.

No proxecto prevese tamén instalar unha drenaxe profunda, unha canle para axudar á condución das augas superficiais, un colector de pluviais que se instalará pola marxe esquerda da estrada, así como levantar cinco muros.

A obra sairá cun prezo de licitación de 1,2 millóns de euros e a empresa adxudicataria ofertou melloras valoradas en 129.525 euros. A adxudicación do traballo é provisional, unha vez aberto o sobre C e á espera de que Pérez Portela achegue a documentación precisa e deposite a fianza constituída.

21 de xaneiro de 2015 | 18:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.