publicidade hoxe

A Deputación de Lugo investiu 315.000 euros no remodelado do centro cívico de Monforte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoMonforte de Lemos
A-
A+

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, visitou este mércores o remodelado Centro Cívico Social de Monforte, situado no Paseo do Malecón, que contou cunha achega do organismo provincial de máis de 315.000 euros, destinados ás obras de reforma interior e eliminación de barreiras arquitectónicas do inmoble. As instalacións serán inauguradas a vindeira semana.

Gómez Besteiro, que estivo acompañado polo Alcalde monfortino, Severino Rodríguez, enmarcou a colaboración económica da Deputación co Concello para reformar este inmoble, antes coñecido como Centro da Terceira Idade, “na nosa aposta pola máxima Cooperación cos Concellos e por mellorar o benestar social, a calidade dos servizos sociais aos veciños da provincia, pois nestas modernizadas instalacións ofrecerase atención, prestacións e actividades especificamente destinados ás persoas maiores, pero tamén ao conxunto dos veciños de Monforte”.

Pola súa banda, Rodríguez agradeceu a colaboración do organismo provincial e destacou que “grazas á Deputación, Monforte dispón dun punto de encontro importante pensando nas persoas máis desfavorecidas”.

Compromiso cos servizos sociais

Neste senso, o Presidente lembrou que a Deputación incrementou nun 90% os investimentos en políticas sociais nos últimos 7 anos: “Pasamos dos 515.000 euros que deixou orzamentados o anterior Goberno provincial do PP no 2007 aos 4,5 millóns de euros que están previstos nos presupostos deste 2015”.

Gómez Besteiro subliñou tamén que precisamente a área de Políticas Sociais foi unha das marcadas como prioritarias polos máis de 55.000 veciños que deron a súa opinión nos Orzamentos Participativos que a Deputación elaborou para este ano, os primeiros dun organismo provincial en España. Deste xeito, “seguiremos traballando intensamente neste eido, non só en actuacións como a da reforma do centro cívico de Monforte, senón coa apertura das 6 primeiras residencias e centros de día públicos para a terceira idade que poñeremos en marcha este ano en colaboración cos Concellos, ou o financiamento dos servizos de axuda no fogar e teleasistencia domiciliaria, aos que destinamos máis dun millón de euros neste 2015”.

O edificio do Centro Cívico de Monforte foi totalmente reformado, tanto na parte exterior, como interior, co obxectivo de modernizalo, mellorar a súa funcionalidade e dotalo de novas prestacións. Os traballos financiados pola Deputación consistiron na redistribución dos espazos interiores, na eliminación de barreiras arquitectónicas e na renovación das instalacións de electricidade, fontanería, telecomunicacións, calefacción, ventilación e climatización, priorizando os equipos de eficiencia enerxética.

O inmoble, cunha superficie útil de 800 metros cadrados, conta cun ximnasio na planta soto, e cunha cafetería, comedor e salón de actos cun aforo para 90 persoas na planta baixa. Na primeira planta, ademais dunha sala de audiovisuais, pasarán a funcionar os Servizos Sociais do Concello e o Centro de Información á Muller (CIM). A segunda planta ten unha sala de usos múltiples para a realización de diversas actividades.

Apoio ao Centro Comercial Urbano

O Presidente tamén mantivo hoxe un encontro con empresarios do Centro Comercial Urbano (CCU) de Monforte, con 200 firmas asociadas, ás que lles garantiu que a Deputación seguirá apoiando o seu traballo e actividades como fixo ata o de agora. Nos últimos tres anos, o organismo provincial achegou preto de 8.000 euros para a organización de diversas actividades socioculturais e a instalación da iluminación de Nadal do CCU. 

Con esta visita, Gómez Besteiro quixo ter “un contacto directo co tecido comercial de Monforte, o piar fundamental da economía do municipio, co que sempre mantivemos unha estreita relación, e poder así escoitar de primeira man as súas preocupacións e necesidades de cara a programar futuras colaboracións”.

O Centro Comercial Urbano de Monforte, pioneiro na provincia e un dos primeiros en poñerse en marcha en Galicia, creouse no ano 2003 e reúne hoxe a 200 establecementos socios de todo tipo, que dan emprego a preto de mil persoas.

O Presidente aproveitou o encontro para animar ás empresas que forman parte do CCU a sumarse á plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com que puxo en marcha a Deputación para poñer en valor os produtos da provincia e abrirlles novas canles de comercialización. Sumarse a este centro comercial virtual, no que hoxe están máis de 150 empresas de toda a provincia, é gratis.

“Cremos que a mellor forma de recuperar poboación é crear emprego, e para elo resulta fundamental promover e apoiar iniciativas como a do Centro Comercial Urbano de Monforte, que ten demostrado aquilo de que a unión fai a forza. Xuntar esforzos resulta sempre decisivo, pero aínda máis en épocas de crise, para mellorar a competitividade e manter as vendas no comercio de proximidade, un sector cun peso fundamental na economía da provincia”, explicou Gómez Besteiro.

28 de xaneiro de 2015 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.