A Deputación da Coruña investirá 10,4 millóns no mantemento e reparación das estradas este ano
A Deputación da Coruña aprobará no Pleno do martes o Plan de conservación de vías provincias de 2015 co obxectivo de garantir a seguridade viaria de condutores e peóns nas estradas de competencia provincial. Deste xeito mantense o adianto nos prazos logrado o ano pasado para iniciar canto antes as actuacións.
Este ano, a cantidade total do plan supera os 10,4 millóns de euros que na súa maioría, nun 64% do investimento, irá a actuacións destinadas a mellorar o firme. De feito, renovarase o 11% da capa de rodadura da rede provincial.
Outra actuación importante pasa pola limpeza das cunetas. Trátase dun dos elementos fundamentais para o bo funcionamento da circulación, por iso se prevé actuar sobre 2.140 quilómetros e noutros 5.145 metros construiranse cunetas revestidas de formigón para aqueles tramos onde a pendente ou a excesiva acumulación de auga poderían provocar a erosión do firme. A este apartado destinarase o 20% do orzamento do plan.
Pero ademais, o Plan de conservación de vías provinciais inclúe tamén un apartado para a sinalización que se levará o 12% do investimento. Con esta achega incorporaranse ata 1.568 sinais tanto de advertencia como de prohibicións, e substituiranse aquelas que estean máis deterioradas. Ademais recolocaranse outras 287.
A sinalización horizontal estenderase ao longo de 554 quilómetros e pintaranse 412 pasos de peóns.
Así mesmo, a Deputación continúa coa defensa viaria en curvas e tramos en terrapléns perigosos. Colocaranse aproximadamente 2.079 metros lineais de biondas ou varandas.
Por último, o programa do presente ano contempla obras de drenaxe que repararán bueiros danados ou atascados, e a renovación de ramplas salvacunetas en interseccións. Alcanzaranse 876 metros de novas tubaxes e 146 unidades de bueiros.
O plan, e as actuacións incluídas nel, son o resultado do traballo e o estudo exhaustivo da situación das estradas provinciais polo persoal dependente do servizo de Vías e Obras. Durante todo o ano realizan visitas periódicas ás estradas propiedade da Deputación, co fin de realizar un diagnóstico das necesidades máis urxentes. Así, o plan inclúe agora todas as obras precisas para manter en bo estado as estradas provinciais e garantir a seguridade de condutores e peóns.











