A Copa de Galicia de Clubs de pista cuberta será a gran oportunidade para a Sociedade Ximnástica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportesDeportes PortadaPontevedra
A-
A+

Tras dúas tempadas consecutivas gañando o título, o equipo masculino da Sociedade Ximnástica acudirá ao Pazo de Deportes de Riazor na Coruña, coa presión de intentar revalidalo; con respecto ao ano pasado hai tres baixas importantes, Miguel Toubes, Víctor Riobó e Iván Maceiras. Tanto Iván Maceiras, que aínda non está ao nivel da pasada tempada, coma Víctor Riobó, que deixou as filas da Ximnástica, conseguiron senllas vitorias o ano pasado e aínda que os seus substitutos teñen un gran nivel será difícil repetir vitoria; todo pasará por seguir sumando os seis triunfos parciais que se conseguiron na pasada edición e non baixar ningún atleta do quinto posto na clasificación da súa proba.

As rapazas nestes dous anos aínda non conseguiron un posto de podio, aínda que dous ceros fixeron moi complicado alcanzar un posto de honra o curso pasado. Hai 5 caras novas con respecto a 2014 que esperamos suban un chanzo o nivel do equipo e poidan estar na pomada dos tres mellores da competición.

O próximo domingo ás dez e media da mañá comezará a Copa, que discorrerá ao longo da matinal e ata as 13:30 horas. Polo momento avanzamos aquí os equipos provisionais da Ximnástica.

Ás oito menos cuarto da mañá sairá a expedición pontevedresa en autobús dende o Pavillón Municipal de Deportes de Pontevedra.

O fin de semana decídese os encontros da primeira xornada en División de Honra

Aínda que quedan 4 meses para que o equipo masculino da Sociedade Ximnástica debute na súa novena tempada en División de Honra; este fin de semana en Madrid, a Federación Nacional decidirá a composición dos encontros da primeira xornada.

Para a elaboración deste terase en conta o ranking por Estadillos dos dezaseis equipos da categoría; se o ano pasado o equipo pontevedrés estaba o quinto clasificado con 33.985 puntos, agora baixa á novena posición con 33.190 puntos, polo que terá que enfrontarse con dous dos equipos situados entre os 8 mellores do Estadillo.

Hai unha estimación aproximada dos rivais aos que lles pode tocar a Ximnástica. A noticia positiva é que o encontro seguramente se celebra en Galicia, xa que o Celta de Vigo, tras seis anos de ausencia na máxima categoría, volve a esta.

O Marathon de Madrid, terceiro clasificado o ano pasado, ten moitas quinielas de volver enfrontarse coa veterana Sociedade o próximo 10 de maio e será importante evitar á Real Sociedade, cuarto clasificado o ano pasado, que pode vir a Galicia en vez do Tenerife CajaCanarias, rival un pouco máis alcanzable.

Haberá que esperar á decisión que tome a Comisión de Clubs da RFEA, en reunión do sábado pola mañá, da que é membro a Sociedade Ximnástica.

16 de xaneiro de 2015 | 19:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.