A Confederación de Empresarios de Pontevedra celebra eleccións o 26 de febreiro
A Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) convocou unha Asemblea Xeral Extraordinaria Electoral para o xoves 26 de febreiro.
As normas do proceso de votación e o calendario electoral foron enviados ás asociacións adscritas e ás empresas individuais asociadas á CEP, tras a súa lectura e aprobación en Comisión Permanente, o 19 de xaneiro.
O proceso electoral afecta á Presidencia, catro vicepresidencias e a 37 vogais do Comité Directivo. O prazo de presentación de candidaturas conclúe o luns 16 de febreiro ás 14:30. O censo de electores está composto polos 287 vogais da Asemblea Xeral.
O presidente Luís Novoa Díaz anunciou en Comisión Permanente a súa intención de presentarse á reelección para un segundo mandato, de catro anos de duración. Cabe recordar que asumiu a Presidencia en decembro do 2013, para concluír o mandato de Jose Manuel Fernández Alvariño, tras a elección deste como presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, en xullo dese mesmo ano.
A conformación final da Xunta de Vicepresidentes e do Comité Directivo completarase coa designación directa por parte do presidente que resulte elixido en febreiro de dous vicepresidentes e sete vogais, tal e como recollen os estatutos da CEP











