A Banda de Música de Vilagarcía conmemora os seus 150 anos
O ano que acabamos de estrear vai a ser moi especial para a Banda de Música de Vilagarcía que en 2015 conmemora o seu 150 aniversario. Con motivo desta celebración, a formación terá intensa actividade ao longo dos vindeiros meses nos que ten previsto desenvolver un amplo e variado programa de actos que se abren a vindeira semana coa representación do musical concerto “Balansiyyá”.
A Banda de Música incluíu no programa especial no 150 aniversario o espectáculo “Balansiyyá” co que xirará por diversas localidades galegas. Contando coa colaboración do Concello de Vilagarcía e da Concellería de Cultura en particular, a formación que dirixe Jesús Nogueira, xa ten previstos dous concertos especiais para conmemorar un século e medio de historia. O primeiro, e que supón toda unha novidade, será o que ofrecerá no marco do programa do Concurso Exposición Internacional da Camelia que organiza o Concello de Vilagarcía e que se celebra a mediados de marzo. O segundo concerto extraordinario será en San Roque. Para esta ocasión a Banda pretende contar con cantantes profesionais de renome e a temática da actuación serán as grandes bandas sonoras de películas dos últimos anos.
A formación é outro dos aspectos nos que pretende incidir a banda de Música no seu 150 aniversario. Para iso estase a valorar a posibilidade de organizar un curso instrumental impartido por grandes solistas internacionais. A organización desta actividade supón un elevado custe, segundo recoñeceu Nogueira, aínda que sería unha oportunidade única para que os membros da banda e alumnos de música de Vilagarcía e a súa contorna, puideran aprender de músicos de primeirísimo nivel aos que non é posible acceder en Galicia e moi difícil mesmo no resto de España.
Outro dos proxectos da Banda de Música para conmemorar estes 150 anos é a edición do seu segundo traballo discográfico. Leva por título “In Tempo” e componse de 12 temas de diversos estilos entre os que se inclúen composicións da “Lenda de Monte Longo”. Os DCs venderanse a 5 euros, un prezo que o director considera “simbólico, posto que o obxectivo do disco non é obter beneficio, senón dar a coñecer e promocionar o traballo da Banda de Música de Vilagarcía”.
Este é só un esbozo do programa especial no que a Banda de Música de Vilagarcía está traballando para conmemorar o 150 aniversario.











