A asociación Down Coruña contará cun novo centro que se construirá en Pedralonga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Sinatura do convenio de colaboración

Sinatura do convenio de colaboración

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, o alcalde da cidade, Carlos Negreira, e o presidente da Asociación Síndrome de Down da Coruña, Manuel Álvarez, formalizaron esta mañá os seus acordos de colaboración para que a entidade social poida dispor dun novo edificio no barrio de Pedralonga. En concreto, a sede situarase no antigo colexio, que foi cedido de maneira gratuíta polo municipio durante 75 anos.

Os acordos de colaboración especifican que a institución provincial financiará o 50% da reforma: 400.314 euros. A outra metade do investimento corre a cargo do Concello, polo que o orzamento final da obra do inmoble que acollerá a nova sede de Down Coruña ascende a 800.628 euros.

Diego Calvo mostrouse encantado de colaborar con este tipo de iniciativas que permiten seguir avanzando cara a unha integración real. “Nós facemos o máis fácil”, sinalou o titular provincial, “sodes vós dirixiuse ás familias- os que desenvolvedes a parte máis difícil, traballando día a día por un futuro mellor para os vosos fillos ou familiares”.

Pola súa banda, Carlos Negreira, encomiou a coordinación que se logrou neste programa: “Esta é a forma de traballar, a cooperación e a colaboración fan posible estes proxectos. Quero agradecer ás familias e á directiva de Down Coruña  as súas ganas de facer e a súa predisposición”, afirmou o alcalde, quen tamén destacou que o proxecto permite recuperar un edificio desocupado e para darlle “vida, calidade urbana e un sentido social”, á vez que contribúe a alcanzar o obxectivo de contar cunha “sociedade máis inclusiva”.

Descrición do proxecto

As obras inclúen a rehabilitación de 300 metros cadrados do actual edificio de Pedralonga e a construción doutros 500 metros, resultando un edificio de 800 metros cadrados construídos e distribuídos en dúas plantas. Os traballos inclúen:

– Ampliación da planta baixa: almacén, sala de usos múltiples, aseos e accesos.
–  Reforma da planta baixa: sala de espera e recepción, aseos, aulas e despachos.
– Ampliación da planta alta: aula de informática e sala de xuntas.

Este novo centro contará ademais cun espazo para uso veciñal, cumprindo cunha vella demanda neste barrio e pondo en marcha unha nova forma de entender o espazo, baseada en tres principios básicos: convivencia, diálogo e colaboración entre administracións.
Neste sentido, o presidente da Asociación Down Coruña destacou que a nova sede, ademais de “atender dunha maneira máis cómoda aos usuarios (actualmente, son entre 85 e 90 usuarios) e permitir a chegada doutros novos”, permitirá ofrecer actividades compartidas para os nenos con síndrome de down e para os veciños do barrio de Pedralonga.

Manuel Álvarez detallou que as obras van “a bo ritmo”, polo que a previsión é que a reforma poida estar terminada en maio. Diego Calvo, insistiu na importancia de “axudar” a entidades como Down Coruña que son un “exemplo de integración na cidade”.

16 de xaneiro de 2015 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.