A área de Xuventude de Vilagarcía organiza unha ludoteca de Entroido para nenos de 3 a 7 anos
Co gaio das vacacións escolares de Carnaval, a Concellería de Xuventude volve a poñer en marcha unha iniciativa socio educativa e de conciliación dirixida a nenos e nenas de 3 a 7 anos de idade. Trátase dun campamento urbano de Entroido que se desenvolverá durante as mañás dos días 16, 17 e 18 de febreiro e para a que se ofertan 30 prazas. A participación é de balde e o prazo de inscrición vai do 3 ao 11 de febreiro.
O departamento que dirixe Sandra García segue a súa liña de traballo en relación á oferta de actividades de lúdicas e de apoio á infancia e as súas familias. Para ocupar o tempo libre nas vacacións de Entroido que se aveciñan, Xuventude pon en marcha esta nova ludoteca na que os cativos, durante tres días, poderán aprender e divertirse realizando una ampla programación de actividades e obradoiros artístico creativos, manualidades, xogos guiados e libres.
O campamento de Entroido celebrarase nos seminarios do Auditorio en horario de 9 a 14 horas os tres días. E as actividades a realizar xirarán en torno á temática do circo e do entroido. Para elo faranse obradoiros de máscaras e disfraces con material de refugallo, obradoiro de maquillaxe de fantasía, teatro, contacontos e ata aprenderán a facer filloas no obradoiro de cociña. Tamén haberá xogos pre deportivos e xincanas.
As familias interesadas deben tramitar a inscrición nos seus fillos entre o 3 e o 11 de febreiro cubrindo o formulario que poden imprimir do taboleiro de anuncios da web municipal e presentándoo no rexistro Xeral do Concello de luns a venres en horario de 8.30 a 14.30 horas ou de 17 a 20 horas. Tamén poderán facelo os sábados de 10 a 13 horas.
As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición entre os solicitantes que cumpran os requisitos fixados nas bases do servizo, que tamén se poden consular no taboleiro de anuncios da web. A lista de admitidos publicarase o día 13 de febreiro e haberá unha lista de agarda para cubrir as posibles baixas.











