A área de Cultura vilagarcián incrementa o orzamento do Entroido e amplía as categorías do concurso de disfraces

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Concello de Vilagarcía xa ten todo listo para a próxima visita de Don Carnal e Dona Cuaresma posto que a Xunta local de Goberno aprobou onte o orzamento e as bases dos actos con que se celebrará o Entroido na vila. Co obxecto de incentivar a participación e que os premios cheguen a máis persoas, a Concellería de Cultura este ano incrementa o presuposto e amplía as categorías do concurso de disfraces, no que se concederán 24 premios.

A suma total que Cultura destina ao Certame de Comparsas e ao Desfile-Concurso de Disfraces ascende a 7.125 euros, 1.725 máis que o ano pasado. Este aumento na dotación orzamentaria distribúese nos premios do concurso de disfraces posto que se crean novas categorías para evitar que parellas e individuais compitan nunha mesma e os premios cheguen a máis participantes.

Outras das novidades incluídas nas bases do concurso é a proporción que deben cumprir os grupos á hora de competir na modalidade de adultos ou infantís. Para participar na primeira, a porcentaxe de membros adultos do grupo debe acadar, polo menos o 60%. Esta mesma porcentaxe pero de nenos deben cumprir os grupos infantís. Consideraranse adultos as persoas de 14 anos en diante.

Así, na modalidade de adultos establécense catro categorías para concursar (grupos de máis de 20 compoñentes, grupos de ata 20 membros, parellas e individuais. En cada categoría concederanse tres premios cuxas sumas oscilan entre os 500 e os 50 euros. As mesmas categorías establécense para a modalidade infantil, con tres premios por categoría e con importes que van dos 50 aos 400 euros.

Dende hai moitos anos, o Certame de Comparsas do entorno non ten carácter competitivo en Vilagarcía. A Concellería concede unha compensación económica de 300 euros a cada comparsa, establecendo como límite de inscrición, 10 agrupacións. A participación concretarase por orde de inscrición e terán preferencia as comparsas de Vilagarcía. Os requisitos que deben cumprir é contar con 25 integrantes como mínimo e ofrecer unha actuación de entre 10 e 15 minutos.

17 de xaneiro de 2015 | 12:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.