A área de Cultura abre o martes a inscrición no certame de comparsas e no desfile de disfraces de Vilagarcía
Vilagarcía de Arousa, 30 de xaneiro de 2015.- A maquinaria para as celebracións do Entroido 2015 ponse en marcha en Vilagarcía o martes, 3 de febreiro coa apertura dos prazos de inscrición nos dous eventos máis importantes que organiza a Concellería de Cultura: O certame de Comparsas e o Concurso-Desfile de Disfraces dotados con 7.125 euros para premios e compensacións. Os interesados deberán dirixirse ao Auditorio, de luns a venres de 9 a 14 horas para anotarse, cumprindo os requisitos que se establecen nas bases colgadas na web municipal.
O primeiro dos eventos será o Certame de Comparsas que se celebra tradicionalmente o Domingo de Entroido, que este ano é o 15 de febreiro. Dende hai moitos anos, o festival de Comparsas non ten carácter competitivo en Vilagarcía. A Concellería concede unha compensación económica de 300 euros a cada agrupación, establecendo como límite máximo de inscrición, 10 grupos.
Número de participantes e letras das coplas deben aportarse á inscrición das chirigotas
A participación concretarase por orde de inscrición e terán preferencia as comparsas de Vilagarcía. Os requisitos que deben cumprir é contar con 25 integrantes como mínimo e ofrecer unha actuación de entre 10 e 15 minutos. Ademais, para anotarse será necesario facilitar no momento da inscrición o número de membros e aportar copia das letras das coplas que van a interpretar.
A inscrición no Desfile-Concurso de Entroido tamén comeza o martes, 3 de febreiro e permanecerá aberta ata as 12 do mediodía do Martes de Carnaval, día no que se celebra o colorido pasarrúas. A Concellería de Cultura creou este ano novas categorías de concurso para evitar que parellas e individuais compitan nunha mesma e os premios cheguen a máis participantes. Tamén se implementou a partida presupostaria para dotar os 24 premios que se concederán.
Outra das novidades incluídas nas bases do concurso é a proporción que deben cumprir os grupos á hora de competir na modalidade de adultos ou infantís. Para participar na primeira, a porcentaxe de membros adultos do grupo debe acadar, polo menos o 60%. Esta mesma porcentaxe pero de nenos deben cumprir os grupos infantís. Consideraranse adultos as persoas de 14 anos en diante.
Así, na modalidade de adultos establécense catro categorías para concursar (grupos de máis de 20 compoñentes, grupos de ata 20 membros, parellas e individuais. En cada categoría concederanse tres premios cuxas sumas oscilan entre os 500 e os 50 euros. As mesmas categorías establécense para a modalidade infantil, con tres premios por categoría e con importes que van dos 50 aos 400 euros.











