O Sergas ofrece aumentar un facultativo os sábados e unha enfermeira a diario no Meixoeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraVigo
A-
A+
Europa Press

A Xerencia de Xestión Integrada da área de Vigo ofreceu aos médicos do servizo de urxencias do Hospital Meixoeiro, que se encontran en folga dende o pasado 16 de decembro, aumentar o equipo nun médico os sábados e nunha enfermeira a diario, ambos os dous en quenda de día.

Non obstante, a Xerencia rexeitou negociar o incremento dun facultativo na quenda de noite dos martes, mércores e xoves, ata que os traballadores non anuncien que desconvocan a folga indefinida.

Así o comunicou o doutor Manuel Nieto, membro do comité de folga, tras participar este martes nunha reunión entre os membros do comité de empresa e o xerente da EOXI de Vigo, Mario González; a directora de Procesos Asistenciais, María del Mar Velez; e o director e o subdirector de Procesos sen Ingreso e Urxencias, Javier Caramés e Juan Lázaro, respectivamente.

O doutor Nieto, como voceiro de CESM e en representación dos sindicatos CESM-O’Mega, cualificou a proposta de “insuficiente”, aínda que sinalou que esperarán a coñecer a opinión dos médicos que traballan no servizo de urxencias antes de pronunciarse, para o que prevén convocar unha asemblea este mércores.

“Hai que esperar a ver que din os médicos que sofren a folga a nivel asistencial, económico, etcétera, discutilo e aprobar” se seguir ou non coa folga, comentou Nieto, que asegurou que, en todo caso, os sindicatos aceptarán a decisión da maioría.

ANTECEDENTES

En concreto, os médicos denuncian que os problemas de urxencias do Meixoeiro se acentúan en certos horarios e días da semana nos que o número de facultativos é inferior a outros días con carga asistencial similar.

Así, sinalan que nas quendas de día de luns a venres hai seis médicos, e sábados e domingos só catro; e de noite os martes, mércores e xoves hai tres facultativos, mentres que o resto de días hai catro.

Por todos estes motivos, os sindicatos CESM Galicia e O’Mega deron comezo o 16 de decembro a unha folga indefinida no servizo de urxencias para esixir que o Sergas aumente o número de facultativos nestas quendas que consideran “deficientemente atendidas”. Ademais, o pasado venres rexistraron ante o Valedor do Pobo un escrito denunciando estes feitos.

20 de xaneiro de 2015 | 20:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.