publicidade hoxe

Xunta e concello de Oza-Cesuras asinarán un novo convenio para dar cobertura a redacción do PXOM

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaOza/Cesuras
A-
A+

A secretaria xeral de Ordenación de Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas Díaz, mantivo unha nova reunión co alcalde de Oza-Cesuras, Pablo González Cacheiro, co fin de seguir avanzando na dotación dun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para este municipio coruñés.

A sinatura do novo convenio dará cobertura á redacción dos traballos que parten da especial situación deste concello da comarca de Betanzos que en xuño de 2013 formalizou a fusión de dous termos municipais: Oza dos Ríos e Cesuras, nos que na actualidade continúan vixentes os seus respectivos planeamentos anteriores.

No encontro, que parte doutro anterior, no que o o alcalde manifestou o seu interese en contar cun PXOM de futuro que ordene a nova realidade territorial deste municipio, déronse avances significativos. Así, consensuáronse os criterios técnicos e marcouse un calendario de traballo para axilizar a redacción do documento.

Neste senso cabe destacar a incorporación ao grupo de traballo técnico integrado polos técnicos das dúas administracións, o equipo redactor do PXOM de Cesuras contratado en xullo de 2008 e cuxos traballos serán incorporados ao novo documento.

Situación actual

No caso de Oza dos Rios réxese por un PXOM aprobado definitivamente no ano 2001 que non está adaptado á LOUG, Lei de Ordenación Urbanística Galega que entrou en vigor en xaneiro 2003, e no de Cesuras, por un planeamento de maior antigüidade como son, as Normas Subsidiarias Municipais vixentes de o ano 1997.

Rivas Díaz sinalou a importancia de contar cun plan de ordenación adaptado á lei, xa que é a folla de ruta para o desenvolvemento ordenado e crecemento sustentable deste municipio na súa nova realidade territorial conxunta.

Neste senso avanzouse que, tras este segundo encontro de traballo, a partir de agora as vindeiras reunións xa se centrarán en avaliar as propostas de ordenación que achegue o concello de Oza-Cesuras co fin de presentar un documento de planeamento adaptado á nova Lei do Solo que permita someterse a informe previo a aprobación inicial.

Na actualidade a achega coa que conta o concello de Cesuras para a redacción do seu planeamento ascende a preto de 120.000 €, dos cales xa foron aboados 60.000 €. Segundo so criterios aplicados pola Xunta para as axudas de planeamento aos concellos de case 5.500 habitantes nos que a Xunta subvenciona o 90% do total, para rematar os traballos precísanse 90.000 € que serán consignados no novo convenio.

30 de decembro de 2014 | 13:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.