Xa están en funcionamento os dominios .gal do Concello da Laracha
Todas as webs do Concello da Laracha xa están tamén en funcionamento baixo extensión .gal, ofrecéndose aos internautas un novo acceso a través deste dominio.
Trátase dos sitios web do portal cidadán (www.alaracha.gal e www.concellolaracha.gal), o portal turístico (www.alarachaturismo.gal) e o programa de promoción turística Mar de Caión (www.mardecaion.gal). Todos eles continuarán sendo accesibles, tamén, nas extensións .es e .com.
O Concello da Laracha participou na segunda fase –denominada Abrente– do procedemento posto en marcha pola Asociación PuntoGAL, na que as entidades públicas tiveron o dereito preferente de solicitar os seus dominios actuais.
Deste xeito o Concello da Laracha pretende mellorar o posicionamento dos sitios web municipais que están en funcionamento e aportarlles valor, facilitando o labor dos buscadores para as consultas que se realicen no idioma galego ou sobre Galicia.











