Vitoria do Santiago Futsal no derbi contra Burela Pescados Rubén
Vitoria dos de Santi Valladares no derbi galego da xornada ante Burela Pescados Rubén. A 13ª xornada de Liga traía un duro encontro para os de Santiago, que buscaban os 3 puntos para afastarse dos postos de perigo da clasificación. Se Santi Valladares avisaba en rolda de prensa previa ao encontro que “Nun derbi non importaba o posto que se ocupaba na clasificación”, os de Santiago conseguiron dar a cara e derrotar, con traballo e esforzo, a un rival que ocupaba a 8ª posición da táboa.
Nuns primeiros minutos de igualdade sobre a pista azul, os porteiros de ambos os conxuntos, Iker para os locais e Álex nos visitantes, foron determinantes nas ocasións que se xeraban nas súas respectivas áreas.
Foi Diego Quintela o que, nunha magnífica acción en ataque, superando á meta mariñán, puxo o 1-0 no marcador no minuto 12 de partido. A intensidade que levaban os locais tivo o seu premio no primeiro gol do encontro. Apenas pasaría un minuto cando Pablo Tallón anotou o segundo para os locais nun roubo de balón de Iván Rumbo que lle deixou a asistencia ao de Santiago para que fixese o segundo na conta do Santiago Futsal.
Coa sexta falta do Burela Pescados Rubén, Gallego lanzaría fóra o tiro desde os 10 metros. A falta de 30 segundos para chegar ao descanso, nunha falta da meta Iker López dentro da área, Matamoros faría o 2-1 desde o tiro de penalti.
Tras o paso por vestiarios, ambos os conxuntos mantiveron a intensidade coa que finalizase a primeira parte. Os do Santiago Futsal apertaban buscando o terceiro, e nun saque de esquina ao segundo pau, Iván Rumbo faría o terceiro para os locais.
Co 3-1 no marcador, os de Santiago dominaron o xogo con posesións longas logrando desbordar ao equipo contrario, pero a meta visitante lograría deter todas as ocasións que os locais xeraban.
Con porteiro xogador en pista, o Burela Pescados Rubén foise ao ataque con maior ímpeto, e Chano lograría facer o 3-2 a só un minuto do final do encontro.
Sen tempo para máis, o encontro de Santa Isabel finalizou co resultado de 3-2 e o Santiago Futsal suma 3 puntos que conseguen afastalo dos postos de perigo.
Sala de prensa
Tras a finalización do encontro, Santi Valladares compareceu en rolda de prensa e analizou o encontro “Estes 3 puntos sábennos a gloria. O partido nos dous primeiros terzos da primeira parte fomos superiores. A raíz do 2-0 volvemos perder o control do partido, e así chega o gol deles. Na segunda parte eu creo que fomos merecedores da vitoria. A pesar de que fallamos moitas ocasións de gol, porque tivemos moitas, fomos merecedores da vitoria.”
Engadiu tamén o adestrador do Santiago Futsal “Este resultado é un premio para os xogadores deste equipo. Necesitaban isto para seguir traballando así e con ganas. É unha vitoria que serve para referendar o traballo de de día. Despois de perder varios partidos nos últimos minutos, o partido de hoxe é un premio para eles.”











