Vitoria a domicilio do Santiago Futsal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

Saíu o Santiago Futsal á pista do Municipal de Benicarló coa clara intención de traer para Santiago os 3 puntos que se disputaban esta tarde e dar, así, un golpe de autoridade na clasificación, distanciándose 7 puntos dos postos de perigo.

Nunha primeira parte que comezou con ocasións nos dous conxuntos, Iker empregaríase baixo paus para evitar que o primeiro tanto da tarde chegará para o conxunto local. Pero sería o Santiago Futsal o que inauguraría o marcador cun gol en propia porta de Carlos Anós, que facía o 0-1 no minuto 7 de partido.

Só un minuto despois, Diego Quintela non perdoaría ante o porteiro tras unha asistencia de Iván Rumbo, e facía o 0-2 preto do ecuador da primeira metade.

Co marcador en contra para os locais, Juanqui reduciría distancias para os seus no minuto 16.

Ambos os equipos poríanse con cinco faltas e serían os locais os que cometerían a sexta. Sería Gallego o que non perdoaría desde os 10 metros e faría o terceiro para os de Santiago ao bordo do descanso.

Chegarían aínda máis goles na segunda parte. Santi afastaría máis no marcador aos visitantes ao marcar o cuarto dos seus de cabeza tras un pase en longo desde portaría de Iker López.

Juanqui reduciría, por segunda vez no encontro, a distancia para os seus co 2-4, e Asensio poría aos seus a só un gol da igualada co 3-4 no minuto 34.

Pero Diego Quintela aparecería cando restaban 2 minutos para o final para facer o quinto e definitivo gol do Santiago Futsal, o segundo na súa conta persoal, e deixar o encontro sentenciado coa vitoria dos visitantes por 3-5.

Tras esta vitoria, o Santiago Futsal suma dúas vitorias consecutivas e sitúase na 10ª posición da clasificación con 16 puntos, 7 por encima dos postos de descenso.

13 de decembro de 2014 | 21:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.