Viaxe a Madrid para ver ao Rio Natura Monbus Obradoiro
O Rio Natura Monbus Obradoiro, que xogará a próxima xornada contra o Real Madrid (domingo 21, 12.15 horas) organiza unha viaxe en bus para todos os afeccionados que desexen ir animar ao equipo ao Palacio dos Deportes ante o actual primeiro clasificado da liga Endesa.
Con saída ás 2.00 da madrugada do domingo desde o Multiusos Fontes do Sar, os afeccionados poderán reservar a súa praza no bus e a súa entrada no partido por 29 euros. Os abonados do equipo poderán facelo por 25 euros, e os peñistas por 19. Ademais, o club regalará unha invitación para o último partido da primeira volta no Fontes do Sar, fronte ao Morabanc Andorra, a todos os que reserven viaxe e entrada. Por outra banda, quen desexe adquirir unicamente a entrada poderá facelo por 9 euros.
Os interesados poderán anotarse durante a semana até o venres 19 ás 14.00 horas nas oficinas do club, con horario de luns a venres de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas. Tamén poderán facelo mediante transferencia bancaria á conta É92-2080-0375-1130-4001-6453 e enviando o xustificante da operación xunto con nome, apelidos, e número de abonado de ser o caso, ao correo abonados@obradoirocab.com.











