Viaxe a Bilbao co Rio Natura Monbus Obradoiro
O Rio Natura Monbus Obradoiro quere sentir de novo a calor dos seus afeccionados na súa segunda semana consecutiva xogando fóra do Fontes do Sar, neste caso, ante o Bilbao Basket (domingo 28, 12.15 horas). Tras a viaxe a Madrid da pasada xornada, o club volve organizar unha viaxe en bus para todos os afeccionados que queiran animar o equipo en Miribilla ante os de Sito Alonso.
Con saída ás 2.00 da madrugada do domingo dende o Multiúsos Fontes do Sar, os afeccionados poden reservar xa a súa praza e a súa entrada no partido. O prezo xeral do bono é de 29 euros, 25 euros para subscritores e 19 euros para peñistas. Por outra parte, quen desexe adquirir unicamente a entrada poderá facelo por 9 euros.
Ademais, o club regalará un convite para o último partido da primeira volta, fronte ao Morabanc Andorra, a todos os afeccionados que viaxen co club.
Os interesados poderán anotarse durante a semana ata o venres 26 ás 14.00 horas nas oficinas do club, con horario de luns a venres de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas. Tamén poderán facelo mediante transferencia bancaria á conta ES92-2080-0375-1130-4001-6453 e enviando o xustificante da operación xunto con nome, apelidos, e número de subscritor de ser o caso, ao correo abonados@obradoirocab.com.











