Vázquez Abad visita as obras do CIPF As Mercedes nas que se invisten máis de 5,8 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugo
A-
A+
Vázquez Abad na visita ao CIFP As Mercedes

Vázquez Abad na visita ao CIFP As Mercedes

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) As Mercedes, en Lugo, onde o departamento que dirixe está a investir máis de 5,8 millóns de euros, unha importante cifra que, segundo subliñou o conselleiro, o converterá nun centro de referencia no ensino de Formación Profesional en Galicia.

No percorrido pola obra, o conselleiro puido comprobar de primeira man o avance dos traballos da primeira fase, que supoñen un investimento de 1,4 millóns de euros. Así mesmo, o conselleiro anunciou que xa están en licitación a segunda e terceira fase das obras de reforma e ampliación deste centro por importe de 3.670.380,83 €, que se completará coa cuarta e última fase.

Durante a súa visita ao CIFP o conselleiro estivo acompañado pola delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias; polo secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; pola xefa territorial da Consellería na provincia, Mª Carmen Gueimunde; e polo director do centro, Joaquín Expósito.

Na primeira etapa das obras estase a acometer a ampliación do edificio en planta semisoto (salón de actos, almacén xeral), planta baixa destinada a talleres e planta primeira destinada a aulas. Actualmente está executada a cimentación e estase a traballar na estrutura da edificación, estando rematada a planta semisoto e en execución estrutura de baixa e primeira. Ademais aproveitouse a estrutura de cuberta de pista existente, que se instalou na pista de baloncesto, na zona noroeste da parcela, próxima ao acceso, procurando unha nova zona cuberta de máis de 500 m2.

A finalización desta primeira fase de actuación está prevista para o mes de marzo de 2015, tras o que se procederá á continuación na execución das fases 2 e 3, unha vez xa foi publicada a licitación das mesmas. Con estas novas actuacións será posible a total remodelación da zona de talleres e aulas anexas e de planta primeira, con demolición e nova construción para cumprimento das vixentes normas de seguridade e adaptación ao currículo das ensinanzas de formación profesional que se desenvolven no centro. No que atinxe á fase 4, nela realizaranse a reforma das restantes aulas e zona administrativa, ata acadar o investimento comprometido para o centro de máis de cinco millóns de euros nas catro fases.

Tras as obras, máis do 50% da superficie total do centro –que se incrementará nun 23%– será totalmente nova, uns 5.000 metros cadrados, mentres que os outros 3.500 metros cadrados estarán completamente reformados.

O investimento neste centro únese ao xa realizado nos últimos anos, de 144.000 euros, ao abeiro do que se realizaron diversas melloras e reparacións nas súas instalacións, como o caso da instalación eléctrica, as cubertas, acondicionamento de espazos, ou a habilitación dun novo edificio para talleres, entre outras.

Ampliación da FP dual

Vázquez Abad anunciou, así mesmo, a ampliación do que é o primeiro proxecto de FP Dual neste centro grazas á incorporación dunha nova empresa, Durán maquinaria agrícola, S.L., ao convenio. Deste xeito, elévase a 18 o número de prazas dispoñibles para que as interesadas e interesados cursen esta modalidade no ciclo de grao medio en Electromecánica de Maquinaria, un ciclo ademais de nova implantación que se ofertará por primeira vez nesta ocasión.

José Estévez As Ferreiras, S. L., Maquinaria Agrícola del Noroeste, S.L. Agrobarreiro S.L. e Durán maquinaria agrícola, S.L. serán finalmente as empresas participantes neste proxecto, que terá dous cursos de duración, de xaneiro de 2015 a setembro de 2017.

Ao longo deste período as alumnas e alumnos dedicarán o primeiro trimestre de cada curso a adquirir formación no CIFP As Mercedes, mentres que a estadía nas devanditas empresas se realizarán nos segundos e terceiros trimestres de cada curso. Cómpre sinalar que, atendendo ás características da empresa, o primeiro ano de vixencia deste proxecto dedicarase un 10 % do tempo de estadía do alumnado na empresa a formación complementaria á establecida no currículo do ciclo formativo correspondente, para reforzar a formación do alumnado e mellorar a súa empregabilidade. No segundo ano, esta porcentaxe será do 5 %. A remuneración do alumnado durante o tempo de actividade profesionalizante nas empresas realizaranse a través dunha bolsa, que non suporá ningún tipo de vínculo laboral.

29 de decembro de 2014 | 18:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.